Opinión

Vivir no centro

Cada vez que pasaba por diante del dicía para min: “Algún día terei algo así”. Fálovos dun chalé tipo nórdico que hai despois de Mesón de Calvos, en Castroverde, que me tiña totalmente embelesado, moito máis que a casa da “Finca Elvira” do alto do Cumial, onde paraba cada mañá o Villalón para recoller a outro dos moitos estudantes que viaxabamos diariamente cara a capital. Non recordo ben, pero creo que este rapaz era da familia Reverter. Esto dábase bastantes anos antes de que un pouco máis abaixo, na mesma costa do Cumial, lle pitaramos e deramos as luces a un coche que estaba parado no medio da carretera para xirar a esquerda e meterse noutra casa da zona. Ao día seguinte liamos neste xornal que xustamente a esa hora da tarde do sábado 14 de outubro de 1978, un comando de ETA secuestraba nesa casa a un empresario, deixándoo nunha canteira de Guipúzcoa despois de dispararlle nas pernas. A reacción dos que iamos no coche cando nos decatamos do suceso do día anterior foi a de entrar en pánico, por aquelo de que se os etarras chegan a cabrearse cos nosos pitidos igual nos mandan para o outro barrio.

Daquelas aínda non había moita febre de chalés, pero eu xa tiña claro que un dos obxectivos materialistas da miña vida era chegar a posuir un deles, cunha boa piscina para gozar nos tórridos veráns ourensáns. Non puido ser en Ourense, pero a deus gracias sí que a vida profesional me permitíu disfrutar dalgún deles, tanto en Santiago como en Portugal, onde convivín catorce anos e puiden ter aquela soñada piscina da nenez. Ben é certo que os fortes ventos da costa portuguesa e as súas nortadas fan que as poidas disfrutar poucos días. Non é de estrañar que os nosos veciños veñan en masa a relaxarse á viguesa praia de Samil ou á de Silgar en Sanxenxo.

Pero chega un momento na vida na que, á parte dos incómodos ventos, xa non che apetece subir escaleiras, nin estar chamando ao técnico para que che arranxe o motor da piscina, fumigue a praga de formigas e avispas do xardín, ou arranxe as fugas de auga ou as pechaduras “enfurruxadas” polo salitre do mar. E aí é cando decides que xa cumpriches co soño da nenez e o que queres é vivir cómodamente no centro da cidade, para nada máis erguerte pola mañá baixar a almorzar á cafetería que tés ao lado do portal, lendo tranquilamente a prensa e vendo pasar o mundo. Hai poucas cousas que me gusten tanto con bo tempo como sentarme nunha terraza e observar todo o que acontece ao meu arredor.

Durante moito tempo tiven o privilexio de traballar polas tardes, tanto na época do ensino como na da televisión, o que me permitíu gozar desas primeiras horas nas que medio mundo está traballando desde o albor; e vivir no centro sempre ten esa ventaxa de ter case todo á man, ideal para os que nos encanta vaguear subindo e baixando da casa todas as veces que faga falta. Isto xa o fixen cando vivía cómodamente no ourensán Barrio da Cuña e decidín trasladarme a un precioso apartamento da Torre de Ourense con terraza e vistas ao Parque de San Lázaro; capricho que me supoñía gastar en aluguer case todo o soldo, pero pagou a pena polo ben que me sentín nel. Era, o mesmo que o chalé nórdico de Castroverde, outro deses soños de cando estiven cantando co grupo “Brasas” durante moito tempo no Hotel San Martín. Alí vivín boa parte dos anos máis felices da miña vida.

Te puede interesar