Opinión

Voda da actriz María Mera

Opasado venres a actriz e amiga María Mera conseguíu que rompera cunha desas teimas que ás veces posuímos sen propoñérnelo demasiado, como a de non asistir ás vodas. E sospeito que este vai ser un ano de rachar con algún que outro costume máis, como o de non participar activamente na Festa do Boi de Allariz, festa á que lle teño feito boa publicidade en moitas edicións e con todas as miñas armas mediáticas. Imaxino que estas manías terán a súa explicación lóxica aínda que non veña a conta reflexionalo hoxe aquí. O certo é que este ano, diante da chamada da miña amiga Marisa, non tiven máis remedio que aceptar a honrosa distinción de exercer como presentador no Acto de Entrega do Sedeño 2015, que dará o pistoletazo de saída o próximo sábado a toda unha semana de intenso “Boi” na miña vila alaricana. Con isto xa soamente debe quedarme sen resolver o costume que tamén teño de non asistir ás entregas de premios audiovisuais, pero esa é outra guerra.

Pois gracias a María Mera e ó seu marido, o cineasta Ghaleb Jhaber Martínez, conseguín reconciliarme algo con eses rituáis nos que a xente se dí en público que se quere e que están dispostos a compartir toda unha vida, aínda que en moitos casos nunca se cumpran tan sacrosantas palabras. Pero esa tamén é outra guerra. O certo é que no tempo que estiven no fermoso Pazo de Cores, en A Baña, que foi onde se celebrou a voda, paseino realmente ben, aínda que unha nube traidora de última hora tapara o sol e nos puxera os pés como o carambelo; tanto foi así que unha vez rematados os rituais e os discursos de noivos, familiares e amigos, a maioría dos asistentes fomos a arremuiñarnos en torno ó pulpeiro que era o lugar máis quente dos xardíns, onde non faltaron suculentas viandas coas que agardar pola hora da cea. Os noivos, como non podía ser doutro xeito, estaban ben fermosos, os dous de branco e rodeados de decoración natural a base de flores e candeeiros, e todo elo presidido por un magnífico carballo centenario baixo o que penduraba un florido bambán no que María e Ghaleb declararon “urbi et orbi” o seu amor, mesmo cun aceno ó mundo árabe, co ritual dos dátiles e o leite.

Entre os convidados televisivos atopábase Roberto Vilar, con quen conversei do seu “Land Róber Tunai” e do meu “Bamboleo”, sen saber aínda que ó día seguinte o meu programa se ía converter en líder de audiencia de todo o “prime time” semanal da Galega, cousa que me fixo especial ilusión nestas datas nas que teremos que competir duramente contra imponderables citas musicáis e deportivas. E iso, tamén será outra guerra.

Da voda tiven que sair antes de tempo polo meu compromiso co xurado de “Luar”, en momentos decisivos nos que os concursantes de “Recantos” se están xogando o pase a fases decisivas, pero aínda tiven tempo de saborear parte das exquisitices que compoñían o menú, dándolle un abrazo ó amigo e mentor Jhaber Ibrahim e desexándolle ós noivos que as terras gregas da lúa de mel, os encha de sabedoría e felicidade.

Te puede interesar