Opinión

Xantar de amigos en Maside

Non podía rematar o verán sen a xuntanza de amigos que lle dín un “ata pronto” a Emilio e Maruja Alonso, oriundos de Vilachá e O Irixo, e que residen todo o ano en terras mexicanas onde rexentan varios negocios,  como o coqueto Hotel Green Park, cunhas vistas espectaculares ao Castelo de Chapultepec na capital mexicana, onde fora recibido e tratado como soamente os nosos paisanos saben facelo, con categoría e con todo o cariño do mundo, compartindo xantares e conversas sen presas e vivindo intensamente cada minuto.

E así, sen présas e con ganas de palique, reunímonos o pasado domingo no Restaurante “O Barazal” de Maside para compartir mesa e mental, onde por suposto houbo exquisitos manxares que non ven ao caso reflictir aquí por aquelo de non poñer os dentes longos. O que sí quero reflictir é a estupenda conversa que mantivemos cos anfitrións os que alí fomos convidados, a cantante María do Ceo co seu marido Pepe Salgado e o doutor Juan Varela coa súa parella Luisa, recordando con este último o ben que o pasamos no Entroido xantando cos membros da Charanga Os Liborianos de O Carballiño, onde ata me deixaron ser parte da mesma aporreando os platillos. Sempre me tratan con especial deferencia en terras carballiñesas onde son convidado a moitos dos seus eventos; sen ir máis lonxe a esta pasada Festa do Pulpo, onde tanto a familia Portabales como o alcalde e o Concello da Vila convidáronme a xantar, cousa que non puiden facer por atoparme de viaxe; aínda que xa ameazo con ir dar boa conta dalgún cocido en canto o tempo se poña a tono.

Xantar ao lado de Maruja Alonso e de María do Ceo significa ter diversión garantida, porque tanto unha como outra sácanlle punta a todo o que se pon por diante, sexa de feitos ocorridos en México ou sexa dos vividos en Galicia, lembrando que foi xustamente o doutor Varela quen fixo de enlace para que unha e outra se fixeran amigas de corazón; tanto é así que Maruja, xunto co seu marido Emilio, son un punto de apoio moi forte para que a nosa artista grave os seus discos nestes tempos de “crowdfunding”, onde os cantantes piden o apoio dos seus seguidores para poder sacar adiante os seus proxectos. Traballos como o último disco da nosa cantora galaico-portuguesa titulado “Cancións para nenos e nenas”, que é un auténtico luxo musical, con letras de Armando González e tamén de Neira Vilas e Luis González Tosar. E se falamos de axuda, é xusto e necesario nomear a Manuel Abal Camiña, xerente de “Bateamar”, no que María do Ceo ten sempre un seguro valedor e un anxo da garda, froito únicamente da admiración que o empresario das Rías Baixas sente pola artista ourensá.

Pois entre amigos xantamos e rimos para darlle a despedida a Emilio e Maruja, que partían xa este pasado martes cara México para seguir traballando á fronte dos seus negocios, e para que leven todo o noso cariño e saiban que sempre que volvan á terra teñen amigos de verdade que agardan por eles, sabendo tamén s que se nós decidimos cruzar o charco unha vez máis teremos neles, como tamén é o caso do amigo Luis Portabales e da súa familia, un marabilloso fogar de acollida.

Te puede interesar