Opinión

Zorra

Zorra, de Nebulossa
photo_camera Zorra, de Nebulossa

Bueno, pois xa está aquí o “Eurodrama” que caracteriza cada edición pre ou post eurovisiva; e este ano non ía ser menos. Nunca tanto lin, e levo anos seguindo Eurovisión desde que Massiel lle cantou a Europa o “La La La”, sobre a canción que representará a esa parte de España, na que me inclúo, que aínda segue sendo fiel a un festival que pasou por momentos difíciles, mesmo relegado á Segunda Canle de TVE, pero que moitos apoiamos decididamente, aínda que moitas das cancións foran mais malas que pegarlle a un pai.

Se os “talifáns” agardan a que me posicione sobre a “Zorra” eurovisiva coa que María Bas e Mark Dasousa gañaron o “Benidorm Fest” pouco me coñecen. Deus me libre de cometer tal pecado e ter que aguantar nas redes os máis baixos instintos de tanto descerebrado que anda solto por aí. Para facer artigos sisudos xa están moitos e bos xornalistas que opinaron e opinan sobre a oportunidade de levar este tema que mesmo divide aos movementos feministas, con defensoras e detractoras a ultranza dunha letra que moitas consideran de empoderamento da muller, mesmo considerándoa unha especie de himno, e outras de exaltación do sexismo e a misoxinia.

Con todo isto que circula polas redes xa me dirán se paga a pena meterse en camisas de once varas e expoñerse a que te poñan a caldo pola túa opinión. Que conste que, como antes dixen, nunca tanto se escribíu sobre o tema, e eu gusto de ler algún dos artigos de opinión como o de Manuel Orío escrito o martes no “Atlántico Diario”, do que me quedo sobre todo con esa referencia que fai ás letras das cancións máis virais do momento que normalmente chegan do outro lado do charco en forma de “reguetón”, onde o papel da muller segue sendo terrible, tanto que na comparativa a canción “Zorra” podería quedar relegada a un coro de monxas.

De calquera xeito, o que está claro é que para sí quixeran esta polémica os outros participantes do “Benidorm Fest”, como Angy, Jorge González ou St. Pedro. Que lle conten as “Tanxugueiras” o que significa que a túa canción sexa tratada como un “tongo” monumental para darse a coñecer en toda España e non parar de facer concertos ata a extenuación; e o que lle queda por diante, xa que para este ano, según me contou o seu representante, xa empezan a ter a axenda ben chea de concertos por todo o territorio nacional.

Seguramente “Zorra” non teña demasiado predicamento máis alá dos Pirineos por moito que a traduzan ao alemán, inglés ou sueco, aínda que pode que me equivoque totalmente e sorprenda a xurados e televotantes, pero o que sí está claro é que será, xa é, o fenómeno musical da primavera-verán, como o foi a “Nochentera” de Vicco o ano pasado, e seguramente a polémica lles vai servir tamén para pasar de ser uns auténticos descoñecidos para a maioría da poboación a participar en ducias de festivais e concertos. A min a canción non me dí nada, pero é unha opinión moi particular, como non me dicían case ninguha das propostas desta edición do “Benidorm Fest”, un festival que colleitou unha grande audiencia televisiva e que realmente estivo ben feito, a pesar dalgún problema de son en semifinais, e que se vai consolidar como a antesala dese Festival de Eurovisión que de novo volve á cidade sueca de Malmö que eu tiven que ir coñecer necesariamente nunha das viaxes que fixen a Copenhague. Xa non son “friki” do Eurofestival, pero medrei con el e con el sigo divertíndome cada ano.

Te puede interesar