Manuel Seoane: "En cada castro, río ou fonte da comarca existe unha lenda. Hai centos"
Manuel Seoane é o autor de A Raíña Loba, o terceiro dos contos sobre lendas da Limia
Manuel Seoane é o autor de A Raíña Loba, o terceiro dos contos sobre lendas da Limia editado polo Centro de Cultura Popular do Limia en colaboración coa Deputación de Ourense e o Museo da Limia.
Como está sendo a acollida deste terceiro libro sobre lendas da Limia?
De momento moi ben. Ao ser un libro para nenos estase prestando moito como agasallo. Está funcionando moi ben, a xente está encantada.
Que se pretende con esta serie de libros?
Queremos recrear, para os nenos, as lendas da Limia e do seu entorno. O obxectivo é que as vaian coñecendo xa dende pequeniños e continúen transmitíndose como nolas transmitiron a nós. O primeiro versou sobre as Lendas da Lagoa de Antela, de Delfín Caseiro; o segundo sobre o Paso do Esquecemento, de Antón Riveiro Coello e a última, A Raíña Loba, tiña moita sona por aquí e fixen un texto para nenos, e cos debuxos de Moisés Míguez, quedou algo moi 'chulo'.
Por que se escolleu a Moisés para facer as ilustracións desta obra?
Unha das miñas profesións foi mestre na Escola de Arte Antonio Faílde e, alí, entre outras ensinanzas, impártese Ilustración. Escollemos a Moisés porque o seu estilo era o que mellor se adaptaba ao estilo e á temática do libro.
É A Limia unha terra de lendas aínda por coñecer?
Quedan un montón delas. Hai centos de lendas. Case cada castro que hai por aquí, en cada río ou en cada fonte existe unha.
Sodes pioneiros entón á hora de recollelas.
Existe un libro, pero que xa ten moitos anos. Chámase Lendas e tradicións da Limia e recolle moitas tradicións, lendas e refraneiros da zona de Trandeiras, pero queda unha morea de cousas que non están recollidas.
Cal sería a vindeira lenda sobre a que queren traballar?
Nestes momentos estamos traballando na maquetación do Lethes, que sairá en breve. Destes libros máis pequenos aínda non sabemos por onde imos a continuar. Baraxamos algunha lenda como a dos Penedos dos Mouros.
Que o motivou a vostede a escribir sobre a Raíña Loba?
Eu tiña un veciño en Laroá que era o que me contaba estas historias e a da Raíña Loba foi unha que me impactou moito cando tiña sete ou oito anos. Sobre todo, ¡o feito de que fose medio muller e medio loba e se comese unha vaca todos os días! O tema das lendas e que cada un as conta dunha maneira diferente. No conto mestúranse dúas versións.
Con que versión se ten que quedar alguén que, dunha lenda, escoita varias distintas?
Coa túa propia, coa que ti fagas do que che conten. Non son historias reais. Non é malo contar a túa propia versión dunha lenda, o importante é que se vaia transmitindo de xeneración en xeneración. Da Raíña Loba había dúas versións: que comía unha vaca cada día e que cobraba o que costaba unha vaca en impostos, eu quedeime coa primeira porque me pareceu máis emocionante (ri).
Hai algunha parte real na lenda da Raíña Loba?
Todas as lendas teñen un trasfondo real. Onde se sitúa a lenda -Covas, Os Blancos- hai restos arqueolóxicos que falan de que aí houbo algo no seu momento. Non hai unha investigación concreta para saber se foi un castro ou unha fortaleza.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PROPUESTAS INTERNACIONALES
Allariz selecciona los mejores jardines para su edición más libre
SEGUNDA FEDERACIÓN
La UD Ourense quiere acabar el año con victoria
La Región
Tiranías
La Región
Escola do rural e infancia