Benito Iglesias
La política de vivienda en España debe de ser la de Galicia
CASTELLUM HONESTI
Sempre souben que, no decorrer da nosa vida, hai momentos que non só se imaxinan senón que se viven, se senten e se gozan, aínda que estas accións se desenvolvan no plano silandeiro da intrahistoria. Asemade, hai lugares que, lonxe de existiren para seren simplemente visitados e percorridos, permanecen fortes e imperturbábeis verbo da transcendencia que o devir lles asignou: que, navegando nese interludio emocional que sobrevive entre o sentimento e o pensamento, sexamos quen de admiralos, de lelos e, sobre todo, de interpretalos.
Para min, a Casa Grande de Cima de Vila, situada na parroquia de Trasalba, no concello ourensán de Amoeiro, representa un deses destinos moralmente obrigados que, ó tempo que foxen de se converter nun mero branco da voraz e banal curiosidade turística, conseguen supera-lo cualificativo de espazo físico histórico e se erixen nun templo espiritual, político e intelectual. Deste xeito, por que non dicilo?, se transforma no símbolo definitivo dunha apetencia identitaria, na icona dunha chamada interior formulada ó abeiro da memoria non escrita que, dende hai máis dun século e medio, relata e retrata a tradición mantida por unha estirpe ideolóxica conservadora e galeguista, na que eu milito.
Dende a galería deseñada por Castelao, comprendo porqué outros elementos desa paisaxe lle serviron para desenvolver unha metáfora política da nosa terra
Consonte a isto, coma se fose un ritual relixioso, outrora practicado con periodicidade anual, sempre que podo achégome a Trasalba para mergullarme no ambiente patriótico de Otero Pedrayo; un ar especial onde sentimento, fidalguía, compromiso e intelectualidade, conviven mesturados en harmonía no seo da figura do Patriarca das letras galegas, o grande novelador e ensaísta da cultura galega. Por iso, ó percorrer paseniño os corredores da súa casa, caio na conta de porqué entendo a nosa cultura dende unha dobre faciana: como a potencia creadora do noso pobo e mais coma un acto expresado psicoloxicamente nas tradicións e materializado no idioma, ese símbolo esencial e definitivo do feito diferencial galego, a nosa verdadeira razón de ser como etnia.
Debruzado na varanda da solaina de pedra, imaxino ó petrucio teorizando a nosa terra a través de persoeiros que, se ben viviron a adolescencia arredor de si, envoltos por unha néboa existencial mesta, foron quen de practica-la súa conversión dende a condición de exóticos inadaptados até a de escolleitos galeguistas. Somerxido nese ambiente de país, entendo porqué as ribeiras, as bocarribeiras, os chaos e as montañas, inspiraron unha narración de Galicia; explícome por que os elementos da paisaxe -inertes, ante a ollada metódica e racionalista dun miolo cartesiano-, cobran vida e un significado descritivo e político no horizonte. E todo isto, admirando o conxunto xeográfico no que o Coto de Novelle e a Serra da Martiñá son os grandes personaxes que dominan a representación desa comunidade imaxinada que Otero identificaba dende esta torre vixía de feitura fidalga.
Asemade, dende a galería deseñada por Castelao, comprendo porqué outros elementos desa paisaxe lle serviron para desenvolver unha metáfora política da nosa terra e a razón na que sustentou a explicación do pasado galego, a matinación no seu presente e a percepción do seu futuro. Neste escenario oteriano, as néboas representaron as dúbidas daquela nación galega declarada pola Xeración Nós; os soutos lembraron a reunión das castes fidalgas chamadas en procesión á redención galaica; os piñeiros varudos e lanzais semellaron os galeguistas prestos á loita pola terra e, finalmente, os alciprestes dos pazos simularon a comuñón entre a aristocracia rural e unha igrexa sempre presta a mante-las tradicións que a ligaban ó chan do país.
Hoxe, nunha visita relixiosa a Trasalba, ó esculca-lo seu horizonte, me reafirmo en que pensarmos Galicia non é só unha tarefa acaída para, dende o pasado, entendérmo-lo seu presente, senón tamén un exercicio obrigatorio para proxectármo-lo seu futuro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último