Podcast 'Quero ser investigadora' con Coral del Río e Irimia Mollinedo da UVigo

Coral del Río e Irima Mollinedo son dúas das dez investigadoras da UVigo que buscan inspirar as novas xeracións de mulleres coa publicación ‘Quero ser investigadora 3’, onde contan a súa historia en primeira persoa

No volume ilustradoQuero ser investigadora 3recóllense as historias de dez investigadoras da Universidade de Vigo que contan en primeira persoa a súa traxectoria no eido da investigación, co obxectivo de dar a coñecer o seu traballo e proporcionar referentes actuais as novas xeracións. 

Desta vez, acomopáñannos dúas delas. Coral del Río Otero, doutora en Economía pola Universidad Carlos III de Madrid e na actualidade catedrática na institución viguesa. Os seus traballos insírense dentro da Economía Feminista, sendo a súa principal liña de investigación a análise económica da desigualdade e da pobreza. E tamén Irimia Mollinedo Cardalda, graduada en Fisioterapia e Doutora pola Universidade de Vigo con premio extraordinario de doutorado. Dende o 2019 imparte docencia na Facultade de Fisioterapia. Forma parte do grupo de Investigación HealthyFit, nas liñas de envellecemento e enfermedades neurodexenerativas e o seu tratamento con exercicio terapéutico.

 

 

Cando decidistes que queriades ser investigadoras?

Irimia: Non tomei a decisión de ser investigadora, senón que a investigación veu a min. En certo modo, a miña profesión é un exercicio de investigación. A persoa doente entra pola porta cunha pequena historia e nós formulamos unha hipótese, en base á cal aplicamos certas técnicas.

Coral: No derradeiro curso da carreira, eu xa estaba botándolle un ollo á universidade porque me interesaba a investigación. Xa me parecía que era interesante facerse preguntas e intentar darlle resposta. 

Vós pertencedes a dúas xeracións diferentes. Que referentes tivestes?

Coral: Referentes académicos, ao principio, non tiven. Agora si, hai moitas mulleres que admiro na profesión. Nos inicios eran referentes vitais, coma a miña nai. En Economía, na miña época, só escoitei falar dunha muller, Joanne Robinson. Nunca lle deron o Nobel. Hoxe en día segue a ser unha cuestión inverosímil. 

Irimia: Na nosa facultade a maioría somos investigadoras. A miña persoa de referencia foi unha muller: a australiana Jill Cook. Ela revolucionou o mundo da tendinopatía. Achegou un tratamento novidoso para esas doenzas, que é o exercicio activo.

Que beneficios considerades que achega o voso traballo á sociedade?

Coral:  Se estamos dacordo en que a discriminación, a segregación ou niveis elevados de pobreza son males que ten a nosa economía, o primeiro paso é facer un diagnóstico. Ver como están de desenvoltos eses males... Hai que cuantificalo, iso é importante. Primeiro, para saber cal é a situación actual. E unha vez que cuantificamos, o que queremos saber é se hai efectos positivos cando aplicamos unha política redistributiva. Precisamos medilo antes e despois. É basico para poder mellorar. 

Irimia: A fisioterapia pode diminuír os custes para a sanidade pública. Hoxe en día trabállase máis no tratamento da patoloxía que para previr esa patoloxía. Poderiamos aforrar no tratamento farmacolóxico, que é moi elevado. 

Con que dificultades te atopaches para desenvolver a túa carreira profesional?

Coral: Acabei a carreira no 1989 e, nese momento, nin sequera existía a Universidade de Vigo. Cando entrei a traballar no departamento de Economía Aplicada, non había cursos de formación específica para os temas aos que eu me quería dedicar, entón tiven que completar a miña formación nunha universidade de Madrid. Estiven alí facendo os cursos de doutoramento.

Por que credes que é necesaria a divulgación científica e que vos aporta a vós o feito de participar nesas iniciativas de divulgación?

Irimia: Sen divulgación non vale de nada o que facemos. Todo o que imos descubrindo ten que chegar non só ao campo reducido de científicos e mesmo profesionais, senón tamén á xente de a pé. A investigación non vale de nada se non chega á sociedade. E a min dáme moita satisfacción saber que podo axudar a unha pequena parte da poboación con terapias gratuítas que non hai no sistema público. É moi reconfortante. 

Coral: Eu penso que a divulgación, pensando como docente, é moi importante porque hai que facer canteira. Eu xubílome nuns cantos anos e quero ver que deixo atrás. O segundo motivo é influír socialmente. A divulgación permite tocar a tecla que faga vibrar outras, estivo moi descoidada durante as décadas pasadas, é unha ledicia saber que neste momento é un aspecto importante.

Como animariades a esas mozas que están agora na ESO ou no Bacharelato para que se dediquen á investigación?

Irimia: Non só absorvemos coñecementos das persoas docentes, senón que podemos extraer as nosas propias conclusións e facer as nosas achegas. Hai que manter a curiosidade e seguir formándonos. Canto máis nos formamos, menos sabemos. Unha vez que empezamos, iso segue. É difícil de frear. 

Coral: É unha actividade moi estimulante e moi creativa. Se falamos de economía, para que non nos enganen tan facilmente. Hai moito discurso populista, quérennos vender cousas absurdas e temos que empregar a cabeza. É un pilar fundamental para mellorar a sociedade. E ese é un obxectivo marabilloso na vida.

Catálogo 'Quero ser investigadora 3'.
Catálogo 'Quero ser investigadora 3'.

Cal é o obxectivo de 'Quero ser investigadora 3'?

Visibilizar o traballo das investigadoras e ofrecer referentes actuais, especialmente entre as persoas máis novas, son dous dos obxectivos da Universidade de Vigo coa publicación do catálogo ‘Quero ser investigadora 3’. Esta publicación, financiada pola FECYT, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades 2022/2023 da Unidade de Cultura Científica da UVigo. Este volume ilustrado conta a historia de dez investigadoras. Elas son Ángeles Sanromán, Aurora García, Irimia Mollinedo, Laura Movilla, María Gómez, María José Vázquez, Marina Núñez, Coral del Río, Verónica Salgueiriño e Pino Díaz.

Te puede interesar