Unha representación dos traballadores do Servizo Municipal de Emerxencias do Carballiño asistiu ao último pleno ordinario para “reclamar unha vez máis, e ante a pasividade do goberno municipal, a convocatoria dunha mesa de negociación e que se resolvan as demandas do servizo”, sinalan.
Unha vez finalizada a quenda de rogos e preguntas, no espazo de participación cidadá, un dos traballadores solicitou a palabra para expoñerlle ao alcalde “as demandas que se negan a escoitar por outros cauces, tanto escritos como verbais, ao que o Sr. Fumega se negou dicindo que as cuestións deben plantexarse por escrito previamente. Acto seguido o grupo de goberno fuxiu do salón de plenos sen dar ningunha explicación máis ante a mirada atónita da oposición”, apuntan os traballadores.
O concelleiro de Seguridade, Alberto Otero, declaraba onte que “imos convocar a mesa de negociación”, matizando que están recopilando para elo a información e datos que precisan, e insistindo que en dúas ou tres semanas será convocada. O edil sinala que nesa reunión intentarase un acordo pero que os traballadores teñen que ter en conta que “non son bombeiros como pretenden, son peóns. Piden cousas específicas dos bombeiros e a lei non os recoñece, nin xiquera aos GES. Daráselle o equipamento necesario, para o que chegaremos a un acordo, e en función da súa capacitación profesional”.