Opinión

Mostra reivindicativa da virxe do Cristal

Na ampla entrada da biblioteca pública Nós, un non-lugar, en realidade, que diría o antropólogo Marc Augé, está esta exposición. Neste intercambiador central hai dende fai uns días unha selecta obra monotemática artística arredor da virxe do Cristal. Logo de inaugurarse no outono pasado en Vilanova dos Infantes, Celanova, obras que van dende a plástica clásica á instalación, pasando pola literatura, chega a Ourense esta acción artística que pon o foco nunha dobre reivindicación, a continuación das investigacións policiais do asasinato do cura da parroquia de san Salvador, Adolfo Enríquez, descuberto morto no palleiro da rectoral o 11 de marzo de 2015, e a minúscula imaxe de culto do senlleiro santuario, coa súa capeliña-relicario de ourivaría, peza que desapareceu dende o día de autos, do que se pode inferir roubo. Reaparecerá?, ben quixeramos, mais D. Adolfo está dende aquela no cemiterio. Da peza devocional fixose de contado unha réplica en cristal sintético coa reprodución case exacta da capeliña, da autoría de Manuel Granaí Luna (n.1963), artista granadino. 

A mostra está promovida por Xosé Manuel del Caño, escritor e periodista da comarca, colaborando o concello de Celanova e a Fundación do poeta Curros Enríquez. Destacar a acción da poeta Andreia Costas, quen fai un romance imaxinando como volvía en 2035, engadindo nun pen drive a información da prensa do luctuoso suceso e fotos propias, poema que é parte de Vilanova wanted the Cristal Virgin; traendo a escultora Soledad Penalta unha imaxe mercada en EE. UU. nunha poxa, obra de prata con base marmórea que con anterioridade fora roubada, que vai nun cofre de coiro con seda, apropiado nesta antiga terra de zapateiros... 

As obras amósanse no hall reproducidas en papel coas de Baldo Ramos, Rochi Nóvoa, Manuel Catoira, Andreia Costas, Manuel Dopazo, Luz Darriba, Ánxel Huete, Soledad Penalta, Antón Pulido, Xurxo Oro, Marisol Longueira, Alfonso Pexegueiro, Lucila Vázquez, Carmen Senande, Emma Pedreira, Martínez Coello, Angy Fernández, Manuel Vidal, Xulia Ares, Joaquín Balsa, Olga Bernardo, Arturo Baltar (+) e Felipe Senén López. Elas conforman unha coroa simbólica das que del Caño seleccionou para a exposición, pezas de Moncho Borrajo, Ramón Conde, María Manuela Díaz, Baldomero Moreiras, Tareixa Taboada, Vazquez Prats, Leandro Sánchez, Francisco Leiro, Acisclo Manzano e Urbano Lugrís (+) e da sociedade filatélica e numismática Miño, solemnizando a inauguración a entrega in situ das de Manolo Buciños e Xosé Cid. O moito que significa a imaxe, non agacha o crime, mais aquela concita a esencia da gracia envolta en arume literario, por mais que segundo as fontes parroquiais fora atopada o seis de xullo de 1630, sábado, ás nove da mañá, no lugar onde se faría o santuario, inventio que lle da verosimilitude.

Te puede interesar