CULTURA

O director da Asociación Aneis quere expandir o teatro por toda a comarca

teatro_aneis_result
photo_camera Unha das últimas funcións da Asociación Aneis.

Durante os vindeiros días presentará un proxecto nos concellos de A Limia e noutros de Monterrei 

O director, compositor e mestre na Asociación Cultural Teatro Aneis de Xinzo, Manuel Fontemoura, avanzou esta semana que presentará un proxecto nos diferentes Concellos da Limia e noutros da comarca de Monterrei, como Cualedro, que ten como obxectivo "expandir a cultura" por estas dúas comarcas. Neste sentido, segundo explicou Fontemoura, a idea é encher o baleiro cultural e teatral que existe nestes municipios xa que, a día de hoxe, tan so Porqueira e Xinzo de Limia contan con agrupacións teatrais. 

"O proxecto ten dúas vertentes: por unha banda, presentarase unha actividade de animación á lectura e á escritura dirixida a persoas maiores", explicou o director. "No rural hai moita xente, mulleres na súa maioría, que non realizan ningún tipo de actividade. O que procuraremos con esta iniciativa é recuperar as historias, lendas e tradicións dos distintos pobos mediante os alumnos que se inscriban á actividade, que sexan eles os investigadores e escritores", engadiu. 

A segunda vertente iría encamiñada á formación doutras agrupacións teatrais como a de Aneis en Xinzo ou Raparigos da Torre en Porqueira. A de Xinzo naceu hai 21 anos e conta, na actualidade, con máis de 50 alumnos, nenos e adultos de entre 3 e 60 anos de idade. 

Te puede interesar