O Inorde perfecciona a produción para a industria de frito

Inicio da recollida dos ensaios de campo da pataca na finca Antela - 2
photo_camera Persoal do Centro Agrogandeiro acometendo os traballos de recollida.
Os datos que se recollan neste campo de ensaios serán moi útiles para a creación de variedades mellor adaptadas ás condicións agroclimáticas da provincia de Ourense

A colleita de pataca na comarca da Limia atravesa o seu ecuador e, como cada ano, os técnicos especializados do Centro Agrogandeiro de Xinzo, entidade dependente do Inorde, abordan do mesmo xeito a recollida na súa finca Antela, parcela na que experimentan co tubérculo na liña de mellorar a súa adaptación e calidade. 

Nesta ocasión, os traballos comezaron no campo adicado a variedades para frito industrial e industria de fécula. Nesta parcela, os técnicos contaron coa colaboración da entidade Grupo Matutano, representante en España da produtora de semente de pataca Agrico, empresa que, segundo subliñaron dende o Inorde, conta con “recoñecido prestixio a nivel mundial” no que atinxe á creación e multiplicación de novas variedades de pataca. O técnico de Grupo Matutano, Juanjo Santamaría, salientou a “alta aptitude para o cultivo de patacas con fins industriais que ten a comarca da Limia”. 

En definitiva, os datos que se recollan neste campo de ensaios serán moi útiles para a creación de variedades mellor adaptadas ás condicións agroclimáticas da provincia de Ourense, o que beneficiará a un colectivo de agricultores receptivo ao emprego de novos cultivos de pataca que, ademais de aportarlles un maior rendemento ás súas explotacións, serán tamén capaces de mellorar a relación entre agricultura e medio natural ao ser menos esixentes en nutrientes e produtos fitosanitarios.

Te puede interesar