PLENO DEL CONCELLO

Xinzo aproba a eliminación das barreiras arquitectónicas

pleno_xinzo_result
photo_camera Un momento da sesión plenaria que celebrou a Corporación Municipal de Xinzo.

O pleno da Corporación municipal consensuou unha moción presentada polo PSOE con este fin 

A corporación municipal de Xinzo de Limia aprobou, no transcurso do pleno ordinario do día de onte, unha moción do grupo socialista sobre o cumprimento da Lei de Accesibilidade no municipio limián. No texto presentado, solicítase ao goberno local que se supriman as barreiras arquitectónicas existentes no termo municipal, "especialmente nos inmobles de uso público e zonas deportivas".

"Por sorte temos un compañeiro cunha discapacidade física que nos alerta de todas as dificultades existentes", afirmou a voceira socialista Elvira Lama. Trala exposición de motivos, o tenente de alcalde Pérez Casas formulou unha proposta transaccional na que se facía fincapé na continuidade das accións que se "están levando a cabo" por parte do goberno local. A moción foi aprobada por unanimidade.

No sesión plenaria acordouse tamén o arquivo do expediente de investigación sobre a titularidade dun ben inmoble sito na aldea de Gudes que xa fora obxecto de polémica a pasada primavera. A voceira do PSdeG lembrou que "xa dende o ano 2008 se lle reclamara a propiedade por parte do consistorio" e que tivo a propietaria que demostrar a súa titularidade en reiteradas ocasións. 

Outro dos puntos conflitivos foi o referente á remodelación da Avenida de Ourense. A oposición pediulle ao goberno que cumpran co proxecto de dotación da rúa con beirarrúas e farolas. O grupo popular afirmou que xa se atopa a traballar na cuestión. 

Tamén saiu a relucir o proxecto de regadío para a Limia logo dun ano dende que Núñez Feijoo se comprometera coa súa posta en marcha. O rexedor limián sinalou que se reunirán nas vindeiras semanas para ver a súa evolución. 

Xinzo Adiante preguntou sobre unhas polémcas obras que se fixeron no "Xardín da Concheira", debate no que non quixo entrar o rexedor popular Antonio Pérez.

Te puede interesar