Xinzo mellora a conexión entre a rúa Galicia e a Sitibal

rúa Galicia
photo_camera Imaxe da rúa despois de reforzar a capa asfáltica.
O Concello limiao investiu 42.214 euros en renovar o asfaltado deste vial, aínda en execución

O Concello de Xinzo continúa desenvolvendo o seu plan de melloras municipais e, unha das últimas actuacións neste senso, estase levando a cabo na rúa Galicia co obxectivo de dotala dun novo firme en aglomerado e de reforzar a súa conexión coa renovada pista Sitibal.

Grazas a un investimento de 42.214 euros, realizouse o fresado e posterior colocación dunha base de pedra de dez centímetros debidamente compactada. Ademais, estendeuse firme asfáltico dun espesor medio de oito centímetros. Tamén está previsto corrixir, en altura, as tapas de rexistro en pozos de saneamento e de sumidoiros. 

O concelleiro de Obras, Ramón Gómez, destacou que se trata “dunha actuación moi estudada e consensuada polo equipo de goberno dentro do plan de melloras das vías municipais”.

Esta obra, que se completará con novas reformas dentro do Plan Hurbe -cun proxecto de humanización de 350.000 euros- levouse a cabo coa finalidade de mellorar a conexión coa rúa Sitibal. Este vial abriuse novamente ao tráfico logo de varios meses de traballos tralos que se dotou á pista de servizos básicos de saneamento, abastecemento, alumeado e beirarrúas.

Te puede interesar