AXENDA CULTURAL

As “letras sinceras" de Sés, en Verín

Verín recibe á "cantareira" Sés, quen trae o seu estilo rock, marcado con influencias do folk e da tradición musical galega. 

Sés, durante unha das súas actuacións.
Sés, durante unha das súas actuacións.
As “letras sinceras" de Sés, en Verín

Dende a comarca de Bergantiños chega María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, unha das voces reveladoras do panorama musical galego.

Cun estilo difícil de definir, que vive da "influencia do folclore latinoamericano e galego, fusionándoo co rock e o blues", as verbas de Sés "son letras, sinceras e clásicas, froito da literatura popular e da poesía que consumo no meu día a día", explica a compositora. A coruñesa chega a Verín hoxe para clausurar a XIII edición da Feira do Viño de Monterrei, a partir das 00,00 horas, na praza García Barbón.


Silvar, quen se define como cantareira porque "aprendín a cantar dos meus maiores, polo que non son cantante", presentará na vila verinense o seu quinto traballo, "Readmirando a condición" (2017), no que adapta a súa primeira producción de estudo "Admirando a condición" (2011).


Sés deu os seus primeiros pasos no mundo musical no ano 2007, cando "tocando cuns colegas na banda Chámalle Xis! varias produtoras me ofreceron a oportunidade de sacar un disco", sinala a coruñesa. 


Acompañada por Tito Calviño na guitarra, Fernando Fraga no baixo, Lorena Martín na batería e 'Chicho' Cordero nas percusións, a voz de Sés non cesa de crecer, pois dende que no ano 2011 lanzara o seu primeiro álbum, a súa traxectoria foi imparable: "En só sete anos conto con cinco traballos publicados", afirma Sés.


Neste sentido, a súa intención é continuar aprendendo e mellorando para "seguir facendo moitos máis discos antes de morrer".