AXENDA CULTURAL

Música para "recadar simpatía"

A Coral De Ruada ofrece esta tarde, en forma de concerto, unha homenaxe aos colectivos da cidade implicados en causas sociais

Concerto da Coral De Ruada, o pasado xuño, no Liceo de Ourense.
Concerto da Coral De Ruada, o pasado xuño, no Liceo de Ourense.
Música para "recadar simpatía"

"Cando comezamos a organizar o tema do noso centenario, decidimos visitar diferentes empresas para que nos apoiaran, e unha delas foi a Obra Social La Caixa", explica Emilio Rodríguez, vicepresidente da Coral De Ruada. Para agradecer este xesto, a agrupación programou dous concertos moi especiais: "O primeiro foi na cárcere do Pereiro e foi moi gratificante para nós ver como os reclusos pedían máis cancións e estaban a gusto coa nosa actuación", recorda.

E a segunda cita ten lugar esta tarde no Liceo de Ourense, ás 20,30 horas: unha "homenaxe ao persoal, asociados, voluntarios e beneficiarios dos distintos colectivos sociais que traballan en Ourense e cos que colabora La Caixa, como Down Ourense, AECC, Cáritas ou AFAOR, para agradecerlles a súa dedicación coa cidade". 

Rodríguez recorda que estes colectivos, ademais de contar con profesionais, mantéñense "con moitos voluntarios, que permiten que sigan en pé". Con motivo desta cita, o programa do concerto será "100% ourensán, con cantigas populares relacionadas coa provincia, como a foliada da Peroxa, de Carballeda, de Entrimo... pero tamén haberá cancións polifónicas". Por exemplo, a composición"De Ruada", do ourensán emigrado a Brasil Adolfo Berges, e que se pensou "durante moito tempo, que o nome da nosa coral se inspirara na súa canción. Despois descubriuse que non, pero gardámoslle moito cariño", explica o vicepresidente da Coral De Ruada.

A formación estará acompañados polo seu grupo instrumental, que "tamén interpretará cancións por separado, porque o merecen", recoñece Emilio Rodríguez con orgullo, nun concerto no que "só se vai recadar simpatía".


Expediente de honra


Fala con moito cariño Rodríguez do apoio masivo que recibiu por parte da cidade o expediente de honra impulsado polo Concello:  "Estamos abrumados. Sabiamos que íamos ter apoios de familias e amigos, pero sorprendímonos coa RAG, a Fundación Otero Pedrayo ou a Rosalía de Castro. Tamén os grupos políticos do Concello de Ourense nos apoiaron de xeito unánime, e non adoitan poñerse de acordo en moitas cousas!".

Lugar: Liceo de Ourense

Hora: 20,30