FESTIVAL INTERNACIONAL DE CURTAS DE COMEDIA DE ALLARIZ

"O Rebelde", entre as risas do RiR

O proxecto de Óscar Doviso, organizador do propio festival, poderase ver xunto a outras pezas premiadas no Curtas Film Fest de Vilagarcía

Fotograma da curta "O Rebelde", que se proxectará esta tarde no Festival RiR.
Fotograma da curta "O Rebelde", que se proxectará esta tarde no Festival RiR.
"O Rebelde", entre as risas do RiR

Na segunda xornada do Festival RiR (Festival Internacional de Curtas de Comedia) de Allariz, a programación das curtas que están dentro da competición continúa, pero haberá un bloque especial.

Esta tarde, a partir das 18,00 horas na Casa da Cultura, os asistentes poderán ver as pezas gañadoras do Curtas Film Fest, que se celebra en Vilagarcía de Arousa desde fai 45 anos. Entre elas está "O Rebelde" (2016), do ourensán Óscar Doviso, que ademais é un dos organizados do Festival RiR.

"Quería levar a cabo unha sección dun festival convidado, para poñer en valor que somos unha rede que se complementa. Escollimos este para o primeiro ano porque estiven no 2017 e o trato foi estupendo", explica Doviso.

Alí foi onde conseguiu o premio a mellor curta galega por "O Rebelde", que recrea a historia de Pàdraig Pearse, o impulsor da independencia de Irlanda. "A idea foi de Iván e Miguel Caride, que viran outra curtametraxe miña e comezamos a traballar xuntos. Unimos varias pezas e démoslle forma de curtametraxe, xa que orixinalmente eles crearon unha ópera rock", conta.


Un festival para todos


Ademais de ser un evento gratuíto, Doviso asegura que o Festival RiR gustará a todos os públicos. "Tiña en mente que se precisaba un festival de humor, porque a comedia gusta a todo o mundo, non coma o terror, por exemplo, do que tes que ser seguidor", explica o organizador.

Allariz foi escollida pola súa "ubicación e instalacións", pero a prioridade era facer un certame centrado no audiovisual dentro da provincia de Ourense, onde, tras a non celebración do OUFF este ano, "só queda o FIC Vía de Verín, ambos de temática variada".

O RiR céntrase nas curtas porque "é asequible para ver moitos contidos en pouco tempo", e na comedia porque "vimos de criarnos con moitas pezas deste estilo, como as de Chaplin", que se proxectan estes días, "para que os nenos o coñezan e nós poidamos redescubrilo".