Allariz aposta por “un mellor convivir” para celebrar o 25N

O xoves colocarase unha pancarta conmemorativa na Casa do Concello ás 12,00 horas e darase lectura a un manifesto na propia Praza Maior co obxectivo de sumarse á celebración internacional do 25N 

Baixo o lema “Por un mellor convivir”, a área de Igualdade do Concello de Allariz confeccionou unha programación especial para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia sobre a Muller, que inclúe varias actividades vencelladas ao teatro, podcast ou a lectura dun manifesto; e que se desenvolverán entre os días 23 de novembro e 2 de decembro. 

Por unha banda, o martes 23 de novembro terá lugar a Mesa local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero na vila alaricana. Será ás 18,30 horas no Fogar dos Maiores. 

Dous días despois, o xoves 25 de novembro, colocarase unha pancarta conmemorativa na Casa do Concello ás 12,00 horas e darase lectura a un manifesto na propia Praza Maior co obxectivo de sumarse á celebración internacional do 25N. 

TEATRO

O teatro formará parte das actividades programadas polo departamento de Igualdade do Consistorio alaricano coa obra “12 Uvas, 2 Mulleres e 1 Oliva”, da compañía Olivas Negras. A representación teatral terá lugar o vindeiro venres, día 26 de novembro. Para anotarse a esta actividade será necesario facer a reserva da entrada, que será de balde, no Fogar dos Maiores ou chamando ao teléfono 988 554 059 en horario de 09,00h a 14,00 horas de luns a venres. 

Os actos do 25N motivarán o reencontro das Doulas Sororas, agrupación que, dende fai anos, desenvolve unha labor de acompañamento e apoio a outras mulleres do rural. Será o 29 de novembro, ás 16,30 horas, no Fogar dos Maiores. 

Por último e para pechar a programación, a partir do día 2 de decembro, poderase escoitar o podcast C de Comunidade na Plataforma para a Convivencia creada no 2020.

Te puede interesar