CONCELLO

Allariz mantén a mesma estrutura e retribucións

photo_camera A Corporación municipal de Allariz durante a sesión plenaria.

O alcalde terá dedicación exclusiva, cun soldo anual de 39.000 euros

O goberno municipal de Allariz manterá durante os próximos catro anos a mesma estructura coa que concluíu o mandato anterior. Deste xeito, o alcalde, Francisco García, será quen conte coa dedicación exclusiva, mentres as parciais son para os edis de Promoción Económica, Cristina Cid; Medio Ambiente, Bernardo Varela, e Deportes, Elena Suárez.

As asignacións económicas tamén se manteñen, sendo o soldo do rexedor 39.000 euros brutos ó ano, que se traducen en 1.970 euros líquidos ó mes. Pola súa banda, as asignacións parciais para os responsables de Medio Ambiente e Deportes serán de 15.000 euros brutos anuais (900 euros netos ó mes), mentres que a titular de Promoción Económica recibirá 24.000 euros brutos ó ano (1.380 líquidos ó ano). Esta dedicación parcial fora aprobada a comezos de 2014, asumindo o Concello unha aportación que ata entón cobraba a través da empresa municipal Reatur e daquela suscitara debate entre a oposición.

As asignacións foron aprobadas cos votos favorables do grupo nacionalista, os contrarios do PP e a abstención da concelleira do PSOE. Durante a sesión plenaria na que foron aprobadas estas medidas, Francisco García lembroulle á corporación que tanto o número de dedicacións como a contía das asignacións está por debaixo dos límites marcados pola lei para os municipios de entre 5.000 e 10.000 habitantes. Aínda que votaron en contra, os membros do grupo popular consideraron xustas as remuneracións, se ben entenden que o Concello debe "apretar o cinto", posto que, en palabras de Luz Doporto, municipios como Verín ou O Barco (de maior tamaño que Allariz) adican menos orzamento a esta materia.

Te puede interesar