A degustación do produto local xa é posible no Rexo, en Allariz

undefined
photo_camera Anxo Quintana xunto ao presidente da Fundación Ramón González Ferreiro, Ángel Ferreiro. (Óscar Pinal)

A iniciativa inclúese nun plan de turismo agrario que incidirá na posta en valor da Ruta da Padela

O Rexo, en Requeixo de Valverde (Allariz) suma un novo atractivo á súa contorna. Ademais da queixería, a granxa e o propio ecoespazo -que inclúe unha aula da natureza, a obra de Ibarrola, a praia fluvial, ou a central hidroeléctrica-, os visitantes poderán disfrutar dun punto tenda - degustación para mercar e saborear,  ao mesmo tempo, os produtos da Reserva da Biosfera. Esta iniciativa forma parte dun programa de turismo agrario activo que incidirá na posta en valor da Ruta da Padela, que comeza e remata no propio Rexo e que se pode completar en dúas horas. Dende esta fin de semana haberá, ademais, visitas guiadas pola zona. 

A nova tenda do Rexo estará aberta durante todo o ano, de xoves a domingo -dende as 10,30 horas ata as 20,30 horas- e con posibilidade de ampliación horaria en periodos estivais ou con motivo da Semana Santa. “Na tenda vanse vender todos os produtos que elaboramos no Rexo, pero tamén outros de produtores da Reserva da Biosfera de Allariz”, precisou Anxo Quintana, coordinador do espazo. “Calquera camiñante que queira facer a ruta ou visitar o Rexo poderá tomarse unha cervexa ecolóxica e degustar unha ración de queixo ou de porco celta”, engadiu. 

A Ruta da Padela, que se atopa sinalizada, percorre todo o Val do Rexo, pasa polos tres pobos da parroquia -Valverde, Requeixo e Paciños- e tamén polo Monte da Padela, que é un dos enclaves máis importantes da reserva, tal e como subliñou Quintana. “Na ruta pódese ver non soamente a arquitectura da parroquia, a flora e elementos paisaxísticos, senón tamén a igrexa de Valverde ou a capela de Paciños, a de San Ramón”, explicou Quintana.

Te puede interesar