O obradoiro de Inés Rodríguez, situado en Allariz, galardoado nos Premios Nacionais de Artesanía

Inés Rodríguez
photo_camera Inés Rodríguez
A artesá alaricana Inés Rodríguez recibiu o Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría de Produto pola súa manta de bebé, elaborada con fibra de proteína láctea

O obradoiro de tecido Inés Rir&Co, situado en Allariz, gañou o galardón na categoría de Produto na edición XVI dos Premios Nacionais de Artesanía 2023, cuxa cerimonia se celebrou este venres.

Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados anualmente a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. O seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento e competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de maneira significativa a impulsar o traballo artesán.

O taller de Inés Rodríguez, RiR&CO Deseño Téxtil (Allariz) é gañadora na categoría Produto pola súa manta de bebé “D-Leite”, elaborada con fibra de proteína láctea. RiR&CO é un taller dedicado á elaboración artesanal de tecidos en tear, nos que busca sempre a incorporación de novos materiais, formas e texturas.

En 2021, esta manta “D-Leite” xa resultou gañadora do I Certame de Materiais Innovadores de Galicia, convocado pola Xunta, na categoría Artesanal e participa nas exposicións Galicia Futura e no proxecto transfronteirizo Circular Labs, impulsado pola Escola de Organización Industrial (EOI), e foi seleccionado como exemplo de boas prácticas, sostibles e saudables como produto no concurso “New European Bauhaus”.

Máis gañadores galegos

Esta edición os Premios Nacionais de Artesanía teñen moita representación galega. Ademais do galardón para a alaricana Inés Rodríguez, o cesteiro Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén) recibiu o Premio Nacional de Artesanía e a Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, obtivo o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo "Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia".

Por outra parte, a cesteira Julia de la Cal (O Porriño) resultou finalista na categoría de Emprendemento.

Te puede interesar