Inés Rodríguez: “Cada vez a artesanía valórase mellor e máis xente quere aprender”

Inés Rodríguez, artesana do taller de tecido Inés RiR&CO.
photo_camera Inés Rodríguez, artesana do taller de tecido Inés RiR&CO.
Inés é artesana do taller de tecido Inés RiR&CO e finalista nos Premios Nacionais de Artesanía

O taller de Inés Rodríguez, RiR&CO Deseño Téxtil (Allariz) é finalista nos XVI Premios Nacionais de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, na categoría Produto pola súa manta de bebé “D-Leite”, elaborada con fibra de proteína láctea.

Xa estivo nominada a este premio?

Eu fun finalista no Premio Nacional na categoría de Emprendemento, no 2020. A entrega de premios foi online. Non tivo tanto recoñecemento por culpa da pandemia. Esa vez  non gañei.

Pode explicarnos como se fai a manta de bebé  “D´Leite”?

É un proxecto que comezamos a investigar fai 5 anos. Usamos fibras que non sexan as habituais. Comezamos a buscar e atopei esta fibra, que nos costou bastante atopala. Vendérona en pequenas cantidades no 2019. Presentouse o proxecto no 2020. Comezouse no 2021 a comercializar. As fibras son biodegradables, a lá permite manter a calor. Ten un recordo neurolóxico polo tema da cafeína. Un confort para o bebé, cunha sensación de coidado. Todo unido fai que sexa un producto innovador, mantendo a tradición da artesanía. Parece sinxelo pero leva o seu tempo.

Déronlle os premios no “Certamen de Materiales Innovadores de Galicia” e o “Premio al Desarrollo Rural”. Ten moita ilusión por gañar iste novo premio?

Si, teño moita ilusión. Con esta segunda nominación, confiamos en acadar o éxito que tivemos no anterior certamen. Coido que premiar isto para nós sería un orgullo. A nivel nacional ademáis, que xa é un logro ser finalista.

Canto tempo levan funcionando?

O próximo 1 de decembro facemos dez anos. Temos unha pequena venda de cara o público, que vendemos panos, manteis, bufandas para home e muller, bolsas de liño… Imos cambiando e mudando dependendo da estación. Facemos proxectos para outros profesionais, arquitectos, moda, cociña. Temos unha formación, sobre os tecidos e o medio rural na artesanía. Temos un abano amplo de cousas, aparte da tenda online e as nosas redes sociais.

Por que abriu o negocio en Allariz?

Eu son  de Ourense, pero levo 15 anos vivindo en Allariz. Abrimos aquí porque vimos que hai bo negocio. Vivo en San Mamede dos Pilares.

Cantos sodes e canto leva traballando neste negocio?

Levo seis anos traballando neste negocio. Normalmente son eu soa, pero teño a unha persoa contratada. Soemos ser dous. Ogallá sexamos máis. Estariamos encantados de ser máis xente, para poder crecer.

Con estas  nominacións ós premios van ter un impulso a nivel nacional e galego?

Nós notamos moito despois das nominacións o interese da xente por nós. Queremos agradecervos tamén por darnos visibilidade nos medios para que a xente nos coñeza mellor.

Quere mencionar algún produto a maiores?

Temos un tapiz para profesionais de arquitectura e interiorismo. Está nunha exposición que se chama “Galicia deseños e formas: a historia do deseño galego”. Facemos estas pezas tradicionais e poden ser empregadas para decoración. Aquí en Galicia cada vez a artesanía valórase máis e máis xente quere aprender.

Te puede interesar