O OCA fará descontos aos veciños empadronados

Renovación convenio Concello de Allariz e Oca
photo_camera María López, Ana Lago, e Cristina Cid durante a sinatura do convenio.
É necesario presentar o carné de cidadá de Allariz para prezos vantaxosos

O Concello de Allariz e o Hotel OCA de Allariz veñen de renovar o seu convenio de colaboración polo cal os veciños que estean empadronados nesta vila gozarán de descontos no establecemento hoteleiro.  Concretamente, poderán beneficiarse do servizo de spa. 

Este martes, a alcaldesa alaricana Cristina Cid e a directora do hotel, Ana Lago -en presenza da edil de Promoción económica, María López- asinaron o acordo. Cid animou a todos os veciños empadronados e en posesión do carné de cidadá a “gozar destes servizos”. Nesta liña o Concello de Allariz procura, co obxectivo de “incrementar a calidade de vida e benestar da cidadanía” desenvolver iniciativas referentes á prestación de servizos á veciñanza contando con instalacións deportivas e sociais así como instalacións comerciais e hostaleiras.

O convenio estará en vigor ata o vindeiro 31 de decembro de 2022, facilitando ás personas que cumpran cos dous requisitos o acceso ao spa a un prezo máis vantaxoso. Trátase dun circuíto termal operativo de domingo a venres que inclúe piscina activa de chorros, camas de oxixenación, colos de cisne, jacuzzi, poza fría, saunas e fonte de xeo. Neste senso, aplicarase a tarifa reducida, é dicir, 9,50 euros -excluiranse desta oferta os sábados, festivos e mes de agosto-. Os empadronados tamén terán acceso a técnicas termais en cabinas, de domingo a venres, gozando dun 20 por cento de desconto sobre o prezo de venda ao público -excluiranse, do mesmo xeito, sábados, festivos e mes de agosto-.

Para poder acceder a este servizo será preciso contactar co Oca Vila de Allariz Hotel & SPA e reservar cita previa -mínimo con 48 horas de antelación- aportando o carné de cidadanía.

Te puede interesar