As verdades

Xa sei que queredes que vos diga a verdade. Porque din que a verdade nos fai libres. Ou non. Vai ti saber. Ás veces a verdade agarrota a un, entumece a mente. Eu teño dúas verdades. Porque me miro ó espello e reflicte unha verdade no ollo esquerdo e a outra no dereito. Cando o espello ten algo de bafo tan só alcanzo a ver medias verdades. Que tamén as hai. As medias verdades, digo. Por certo, aquí, neste caso, é coma o vaso de auga medio cheo ou medio baleiro. Serán medias verdades ou medias mentiras?

Neste momento confeso e aseguro que o espello está limpo como a patena, polo que vexo claramente as dúas verdades nos meus ollos. Porque tamén din que os ollos son o espello da alma. Que nos ollos, na mirada está escrita a verdade. Confeso e aseguro que teño a alma limpa e a conciencia moi tranquila.

A verdade que vos quero dicir é esa que non fai falta dicila; que está aí, colgada no aire, para que a analicedes á vosa maneira. Porque a verdade tamén é certo que é verdade segundo como se mire e quen a mire. Uns verán a miña verdade nos ollos e outros non saberán se será a do reflexo, a ficticia. Hai verdades ficticias?

Confeso e aseguro que as dúas miñas son verdades verdadeiras. Agora cada quen que contemple o vaso medio cheo ou medio baleiro. Eu contemplo o espello e cada vez me gusto máis; non fisicamente, senón emocionalmente. Emocióname o espello ou as verdades dos meus ollos?

Te puede interesar
Más en Cartas al director