o horario do ceip de allariz

Con sorpresa lin que o señor conselleiro de Educación atribúe a decisión sobre o horario do CEIP de Allariz ao Goberno bipartito da Xunta (2005-09).
Eu que estiven vinte anos nese colexio desde o curso 1991-92, podo dicir que o horario de 10,30 a 17,15 implantouse no curso 1989-90 despois dunha reforma a nivel provincial que se fixo no transporte escolar para aforrar cartos, agrupando aos colexios de tres en tres coas mesmas empresas de transportes e, polo tanto, cos tres horarios escalonados: 9,30,10 e 10,30. A adxudicación destes horarios supuxo un tira e afrouxa entre os directores dos colexios, pois xa daquela se prefería un ou outro. Ao colexio de Allariz a Delegación endosoulle o das 10,30, provocando unha reacción dos pais que non o aceptaban pero que foron convencidos coa promesa de que sería rotativo, de maneira que aos dous ou tres anos se mudaría. Aínda hoxe 'viven e beben' todos os axentes daquela negociación, afirmando o que nestas líñas se escribe.

Nunca máis houbo tal rotación. O único que se conqueriu, anos máis tarde, foi saír 15 minutos antes, despois de negociar o propio centro coas empresas. Na década do 2000, como consecuencia dos cambios sociais, a crecente incorporación da muller ao traballo…etcétera, volveu coller actualidade o asunto do horario. Desde o colexio volvéronse facer intentos, practicamente todos os cursos: quer na Memoria, quer no Proxecto Xeral Anual,se recordaba o malestar polo horario e a necesidade de revisalo.Houbo reunións cos distintos delegados de Educación (tamén co do bipartito),estudáronse distintos horarios de entrada e saída, sempre na liña de entrar e saír máis cedo. Mais a resposta foi sempre negativa porque ou a Delegación ou algunha empresa debían gastar algo máis. De nada valeu tampouco o principio de 'beneficio ou perxuicio' a máis poboación: Allariz con 420 rapaces e Baños de Molgas e Xunqueira con 40 cada un. Por ser colexios máis pequenos, non ían renunciar a un horario que 'amarraron' hai 20 anos, e cargar con outro que ninguén quere.

O que se pode concluir despois de todo isto é que os contratos que asinou a Consellería cos transportistas (con grande éxito económico,segundo o señor Feijóo) son tan inamovibles e tan bos para as empresas, que nada que se toque no transporte escolar, aínda que pareza rendible, ao botar as contas as empresas, sempre a factura sube. A estabilidade é o supremo valor. De maneira, señor conselleiro, que o problema non o creou o bipartito. Arranxe o asunto, se pode, e non lle bote as culpas a ninguén, que xa ben enlamado está o campo da política.

Te puede interesar
Más en Cartas al director