Noite de lobos, Noite de lúa chea

Daquela, os lobos ouveaban na espesura da fraga do Covelo de Sacardebois. A ribeira do Sil permanecía queda. Na Cabeza da Meda, había días que callara un manto de neve. Polos rueiros ía friaxe. De cando en vez, escóitase a curuxa, alternando co oulear dos lobos. En Sacardebois, rebulía por entón unha recua de mozos. O señor Xaime de Mouca andaba co pote da augardente: os homes, ó carón do lume, estaban a xogaren un quilo de figos pasos nunha brusca a seis mans.
'Haberá que darlle unha batida' -dixo Anacleto da Pedrechá, despois de chiscar o ollo co tres de triunfo.

'Non cantes vitoria tan pronto, Cleto, que por riba do tres está o as' -contestoulle o Luís do señor Avelino do Val.

'Non estou a falar das cartas, falo dos lobos que non paran de ouvear. Os lobos berran para distraeren a fame' -comentou Isidro de Viana, listo e lixeiro nas respostas como unha labarada.

'Como hai neve na montaña, veñen cara abaixo. Haise que andar con moito coidado: un neno coas vacas no monte, un vello so nunha canella… Temos que espantalos cara arriba' -engadiu o señor Nestor do Sagrado.

'Cantas escopetas hai?' -preguntoulle ó Antonio do señor Manuel.

'Eu teño unha dun cano, pero o Luís da Confedería, o Paleta, ten unha automática de dous canos que dun tiro pode chimpar dous lobos' -esaxerou o Antonio da Virxinia de Verengo.

'Que abran camiño os portadores dos pallóns para que os demais poidamos ollar a terra que pisamos' -propuña Anacleto.

'Non, home, non...! -berrou Elito do Sagrado-. De Luís da Mercedes, iso de cambiar nun tris a paleta pola escopeta, non me fío; de Antonio, menos: a ver se nos van zorregar polas costas, deixándonos tesos no sitio, que de noite todos somos pardos coma os lobos'.

A cada pouco, os lobicáns ouveábanlle á lúa chea que alumeaba, co seu ollo de pan enfariñado, un escenario de casiñas de monecas colgadas na aba de Caldelas que se espallaba cara abaixo até bicar o Sil, esvarando suores de neve, pingando polos bicos das tellas fíos de auga xelada. Aqueles ouveos esgazados dos lobos producían en min un terror máxico: o meu corpo esmirrado de neno tremía coma un vimbio, a piques de sufrir a metamorfose a licántropo; coa man acariciaba os pelos dos brazos e das canelas, que estaban a saírme todos xuntos aquela noite de lobos, matinando temeroso, cos dentes caninos fora da boca, o que diría o meu pai cando me vexa no amencer convertido nun lobishome, mais o canto do galo, na alba, desbaratou o pesadelo, recuperando o sorriso de meu.

PARADA DE SIL, TERRA CON LENTURA.

Te puede interesar
Más en Cartas al director