RECORDANDO A MARIANO PINO VÁZQUEZ

Foi o meu xefe dende o 10 de setembro de 1962 ata o 21 de setembro de 1964, en que fun abrir a Axencia Comarcal da Fonsagrada (Lugo), do Servizo de Extensión Agraria.
Mariano Pino foi un home, ante todo, elegante. Sabía respectar ós demais, tiña resposta fácil a moitos porqués do comportamento da xente, era honrado a carta cabal, serio e formal, pero con moita empatía, e un punto de humor facilón, oportuno e ocorrente. Cando alguén quixo darlle un aldrabonazo negativo e inxusto na súa conciencia, soportouno estoicamente. E cando, máis adiante, na súa xubilación, lle foi concedida a medalla de Cabaleiro da Orde do Mérito Agrícola, sei eu con seguridade, porque mo dixo el mesmo, que a aceptou con grande satisfacción e lexítimo orgullo, dicíndome tamén que foi un feito moi importante na súa vida.

Loli do Vicente, que así chamaban en Viana á filla do ferraxeiro Vicente Yáñez, dicíame a min que Pino era a mellor estampa viva de 'Don Quijote de La Mancha', e eu dicíalle que si, e que ademais de certo parecido co Quixote que nos describiu Cervantes, parecíase tamén en canto a estar sempre do lado do máis feble e en desfacedor de 'entuertos'. Non estaba namorado de 'Dulcinea del Toboso', pero si de Luisita, a súa muller, e da filla e os fillos de ambos os dous: María Nieves, Óscar e Boris, e dicir, da súa familia.

Igual que ocorría noutras axencias de extensión agraria, esperaba a cotío na oficina, ou tomando un café, a que desen as sete ou as oito da tarde, para saír a unha reunión cos agricultores, que estaba convocada para as nove, volvendo ás tantas da noite. Se era de inverno, estas reunións celebrábanse na casa dun dos veciños, no corredor de servizo da planta baixa, que tiña ós lados as cortes do gando, que era quén aportaba a calefacción.

Este castelán lexítimo, con trazas de fidalgo, naceu en Nava del Rey, na provincia de Valladolid. Pero non tivo reparo algún en mergullarse durante trinta anos nunha comarca da Galicia interior, verde, húmida e montañosa, con toda a súa familia, a xa mencionada e maila resultante despois de engadir un xenro, dúas noras e un número de netos que neste intre non podo precisar, a cal segue vinculada a Galicia.

Moitas das graves deficiencias da comarca e da súa espallada poboación fóronse paliando co paso dos anos. E Mariano Pino estivo sempre presente, porque dedicou toda a súa vida profesional a esta comarca de Viana do Bolo.

Mariano Pino Vázquez faleceu, transcorridos 23 anos da súa xubilación, o pasado mes de Nadal en Vigo, sendo aínda gratamente lembrado por moitos dos que lle tratamos e seguimos a apreciar os seus valores e a súa sacrificada dedicación á poboación rural.

Te puede interesar
Más en Cartas al director