O auditorio acolle en tres xornadas un curso de extensión universitaria, que oferta 70 prazas

O audiovisual galego debate na vila alternativas de futuro

O sector retoma a súa tradicional cita en Celanova na décima edición do curso de extensión universitaria, que se ten celebrado na vila de xeito ininterrumpido e que converterá ó auditorio Amic en referente do sector os días 17, 18 e 19 deste mesmo mes. Nesta ocasión, o tema central do encontro será 'Presente cambiante e alternativas de futuro', e contará coa proxección de 14 filmes e coa realización dunha serie web durante a súa celebración. Este último apartado cumpre catro anos afondando nun dos xéneros de 'moda', segundo explicou Paulino Pérez, quen dirixirá a producción da que non quixo adiantar contidos.
Entre as actividades salienta ademais a mesa redonda 'Ata onde vai o audiovisual galego? Futuro certo ou incerto?', un debate que reunirá ós presidentes da Asociación Galega de Productoras Independentes, Dolores Bens; das Empresas do Audiovisual, Ramón Domínguez; do Clúster Audiovisual, Andrés Barbé; da Academia do Audiovisual, Antonio Mourelos, e o director de Agadic, Jacobo Sutil. Todos eles moderados polo profesor universitario e director do curso, Miguel Anxo Fernández.

Tanto el coma Paulino Pérez estiveron na presentación do curso de verán acompañados polo presidente da Deputación, Manuel Baltar; Jacobo Sutil, a vicerreitora do Campus, María Lameiras; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, e o presidente da Fundación Carlos Casares, Javier Casares. Tódolos presentes coincidiron en sinalar o valor do audiovisual galego actual e a importancia que no seu futuro adquiren puntos de debate coma o curso de Celanova.

As xornadas dispoñen de 70 prazas e, segundo o ritmo que leva a matrícula, os organizadores agardan que se supere a asistencia doutros anos. O prazo de inscrición estará aberto ata o propio día de inicio das ponencias cun prezo de 45 euros para persoal da Universidade de Vigo (30 os estudantes con bolsa do Ministerio), o mesmo prezo para os veciños de Celanova e amigos da Fundación Carlos Casares e 60 euros para o resto da sociedade.

Te puede interesar