protesta

O BNG de Celanova pide máis protección para os camiños

O grupo do BNG lamenta que o gasto previsto pola Consellería de Medio Rural pase de 13 euros por habitante no 2016 a só 10 en dous anos

O grupo municipal do BNG de Celanova quere instar ó goberno autonómico a que aumente a súa protección sobre os camiños rurais. Así o exporá no pleno do mes de xullo presentando unha moción para que a corporación local acorde trasladarlle á Xunta de Galicia o seu desacordo sobre as últimas medidas adoptadas no "Plan marco de mellora dos camiños rurais", previsto para o periodo 2017-2018. 

En concreto, os nacionalistas de Celanova refírense á "importante" reducción orzamentaria fixada no plan, "segundo a información trasladada á Fegamp dende a propia Consellería", tal e como explican. Deste xeito, a dotación prevista sería de case 16 millóns de euros para os dous anos a repartir entre os concellos galegos, fronte ós preto de 20 millóns previstos só para 2016. "Os fondos dispoñibles redúcense en máis dun 60%". O grupo do BNG lamenta que o gasto previsto pola Consellería de Medio Rural pase de 13 euros por habitante no 2016 a só 10 en dous anos. 

En palabras do voceiro nacionalista en Celanova, Leopoldo Rodríguez Puga, a reducción orzamentaria para investimentos no rural supón que "o PP rexeita manter o necesario esforzo na dotación de fondos públicos para dignificar e mellorar a calidade de vida" do rural. Do mesmo xeito, considera o nacionalista que as medidas que contribúen a incrementar estes entornos axudan a "corrixir os desequilibrios territoriais e a fixar poboación". 

Te puede interesar