GASTRONOMÍA

Celanova entrégase ao “caldo de gloria" rosaliano

50 locais ofrecerán a receita da escritora o vindeiro día 24 de febreiro

Cincoenta establecementos de Celanova ofrecerán o vindeiro día 24 de febreriro, coincidindo co 181 aniversario do nacemento da escritora padronesa, o seu "caldo de gloria", como a mesma Rosalía de Castro o bautizou no seu poema "Miña casiña, meu lar". Os restaurantes e locais da vila de San Rosendo súmanse así ós de Ponteceso, nesta segunda edición de tan pecular conmemoración, despois de que o pasado ano se levase a cabo por primeira vez unha iniciativa similar na vila que viu nacer á poeta.

Feita a proposta por parte da fundación Curros Enríquez, a hostalaría de Celanova respondeu de xeito extraordinario á mesma confirmando a súa participación un total de 50 establecementos entre os que se atopan restaurantes, cafeterías e aloxamentos de turismo urbano e rural. A altísima porcentaxe de participación (que rondará o 85%) dá mostra da sensibilidade deste sector, que co seu apoio arroupa as iniciativas nas que a literatura ten a súa parte protagonista.

 Dese medio cento de establecementos, os restaurantes incluirán o “Caldo de gloria” na súa carta do día, mentres que os bares, tabernas, etc., ofrecerán unha cunca de caldo os seus clientes como complemento ó consumo da bebida. Con tal motivo ó longo da xornada a Fundación Curros Enríquez distribuirá entre os negocios participantes poemas de Rosalía de Castro para que a lectura da poesía acompañe nesta celebración.

Concerto no Mosteiro

A Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova organizan tamén para ese días ás 16,30 horas un concerto didáctico gratuíto na igrexa do Mosteiro de San Salvador, que terá como singularidade a interpretación das músicas de cancións que teñen letra dos tres autores e que son tan coñecidas como “Negra Sombra”, “Unha noite na eira do trigo ou Cántiga”, e o propio “Himno galego”. O concerto será ofrecido pola organista María José Mosquera.

Ademais, a Casa dos Poetas sumarase á celebración agasallando ós seus visitantes cunha publicación. As visitas poderán realizarse de 10,30 a 14,00 e de 16,00 a 18,00 horas.

Te puede interesar