Os concertos didácticos de órgano volven ó Mosteiro

o ciclo terá lugar en dez xornadas, con tres sesións didácticas por xornada, en marzo, abril, maio e xuño

O Mosteiro de San Rosendo, de Celanova, acollerá entre os meses de marzo e xuño un novo ciclo de Concertos Didácticos de Órgano. Será impartido, un ano máis, pola profesora de órgano do Conservatorio de Ourense Marisol Mendive e os destinatarios son os escolares dos centros educativos de Galicia.

Esta actividade, única en Galicia, mestura de xeito participativo o coñecemento dos segredos dun órgano histórico coa interacción musical dos propios alumnos.

O programa de concertos está planificado para ofertar 10 xornadas, con tres sesións de 50 minutos de duración en cada xornada. No mes de marzo as xornadas elexidas son os días 22 e 29; en abril, os días 5, 19 e 26; en maio, os días 3, 10, 24 e 31, e en xuño, o día 7. En total impartiranse 30 concertos didácticos de 50 minutos de duración.

Simultaneamente, o Concello e a Fundación Curros Enríquez deseñaron un programa complementario de visitas guiadas a Castromao, Vilanova dos Infantes, o propio mosteiro, a capela de San Miguel e a Casa dos poetas, no que poderán participar os escolares. As visitas organizaranse en distintos horarios, de xeito que a visita á igrexa non coincida coa celebración dunha sesión didáctica, para non interferir na mesma.

Te puede interesar