Unha década convulsa, que rematou en 1969 cunha abrupta e traumática fuxida

Fraga Iribarne foi o encargado de asinar a declaración de independencia.
photo_camera Fraga Iribarne foi o encargado de asinar a declaración de independencia.

Tan insólita é a singularidade migratoria dos veciños de Quintela de Leirado na Guinea Ecuatorial, como descoñecida é a relación colonial que ó longo de dous séculos mantivo España co pequeno territorio do trópico africano.

Para entender o contexto no que tal emigración tivo lugar, digamos que, logo de recibilo de mans de Portugal en 1777, o interese español por Guinea non espertou ata o remate do século XIX, tempo no que chegaron a el pioneiros coma o veciño da Mourisca, Eloy Estrada.

A partir de 1904 empezou seriamente a colonización, co fin de explotar as súas riquezas naturais e o seu potencial agrícola, cousa que, durante a República xerou grandes tensións que culminaron en 1932 co asasinato do gobernador.

En 1956 a colonia deixa de ter carácter de tal e o goberno de Franco crea dúas provincias (Fernando Poo e Río Muni) co mesmo rango có resto das provincias españolas e os seus habitantes pasan, así mesmo, a ter nacionalidade española.

O 12 de outubro de 1962, a ONU non acepta esa solución e esíxelle a España que inicie de vez o proceso cara unha independencia efectiva.

Como consecuencia, o 9 de agosto de 1963 o goberno acordou concederlle un réxime de autonomía.

Pero como as demandas internacionais non cesaban, o 22 de decembro de 1966 celébrase unha conferencia constitucional, acordando finalmente concederlle a independencia.

O 11 de agosto de 1968 os guineanos aprobaron a súa Constitución e entre o 22 e o 28 de setembro celébranse eleccións que colocan a Francisco Macías á fronte do primeiro goberno do país.

O 12 de outubro dese mesmo ano, o ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga, asina o documento de independencia.

A partir de aquí as relacións entre Macías Nguema e o goberno de Franco comezan a deteriorarse a pasos axigantados

O 5 de marzo de 1969 ten lugar un fallido golpe de Estado que reforza a Macías e que provoca a abrupta expulsión da emigración española do país recén nacido.

En total foron arredor duns sete mil os españois que tiveron que fuxir, moitos deles, co posto. n

Te puede interesar