O grupo de Celanova organiza unha mostra de fotos e publicará un DVD
O grupo Lembranza Solpor de Celanova conmemora neste ano o seu 45 aniversario e o quere celebralo cunha variada programación de abril a decembro que sirva de homenaxe a todos aqueles integrantes que nalgún momento pasaron pola agrupación, aos actuais e tamén para sumar novos membros. “Eu levo dous anos en Lembranza Solpor, tempo suficiente para confirmar o arraigo que ten a agrupación en Celanova. Durante 45 anos Solpor foi un referente cultural, como grupo de baile e tamén noutros aspectos, como o cámping que organizada don César. Está moi arraigado, todo o mundo pasou nalgún momento por aquí”, comenta David Villarino, profesor de música que leva a Banda de Gaitas, unha das catro seccións da agrupación, xunto coas cantareiras, a murga tradicional e o grupo de baile.
Lembrar aos vellos -e tamén aos actuais compoñentes- e poñer en valor o papel que Lembranza Solpor tivo para aos mozos desde finais dos 80 é un dos obxectivos da mostra que están a organizar para xuño, xunto coa gala central de aniversario con compañeiros e excompañeiros.“Para xuño estamos organizando unha exposición de fotografías de Solpor, dende os seus inicios”, confirmaba Villarino, quen animaba aos antigos integrantes e veciños a colaborar coa iniciativa e achegar instantáneas do álbum familiar que estean vinculadas coa agrupación.
Como colofón ás vodas de zafiro, ao pasar o verán, a agrupación folclórica ten previsto sacar un cd/dvd que sirva para inmortalizar catro décadas de baile e música tradicional, que saíu reforzado do parón que supuxo a pandemia, pasando de 40 a 108 integrantes.
Festas e romarías
A programación arrancou en xaneiro co obradoiro de elaboración de pandeiros e, dende abril, tódolos meses programarán a participación en actividades como a xuntanza transfronteiriza en Celanova, a Feira das Mozas de Xinzo, Raigame en Vilanova ou Verbena do Rella en Rarmirás. No verán está prevista o “II Festival Lembranza Ibérica” con dous grupos galegos e outro asturiano.