"Gustaríame moito que a xente desfrute nos ensaios porque concertos hai poucos"

Mery Alonso Iglesias es la directora de la coral Solpor

Mery Alonso Iglesias.
Mery Alonso Iglesias.
"Gustaríame moito que a xente desfrute nos ensaios porque concertos hai poucos"

A vila de San Rosendo conmemorará en 2019 os 40 anos de actividade da Coral Solpor, toda unha institución musical en Celanova que, desde hai uns meses, dirixe Mery Alonso Iglesias.

Como chegou a Celanova?

Eu fun compoñente do coro moitos anos e o meu pai, Arsenio Alonso Araujo, foi o seu director. Un bo día decidín cursar no Conservatorio o grado profesional de Canto, onde quero lembrar aos meus profesores Ana Docampo (canto) e Jorge Fernández Taboada (cámara) dos que aprendín moito. Acabei en maio do ano pasado e aos poucos meses xa me chamaron para dirixir o coro.

Que tal estes primeiros contactos cos actuais membros?

Estámonos coñecendo. Para min é unha experiencia moi novel, aínda que empecei con 14 anos no coro da igrexa de Sobrado do Bispo onde nacín e despois fun dirixindo coros de nenos pequenos e de persoas da terceira idade. Pero está sendo unha experiencia agradable, enriquecedora e pásoo estupendamente ben. A pesar de que enfronteime a isto con algo de medo, estou encantada, a xente trátame moi ben e é unha gozada vir a ensaiar con eles.

Cales son os plans que ten para o coro?

O que me gustaría é que a xente desfrute cantando e ensaiando. Ao final, concertos temos poucos e se non atopamos desfrute nos ensaios, mal imos. Logo, claro está, gustaríame facer música con certo grado de calidade, dentro das nosas posibilidades. Neste punto, estamos aprendendo técnicas de colocación, respiración e impostación. Cuestións moi importantes á hora de interpretar. 

E como o levan os alumnos?

Aprender técnica non é doado para ninguén. A carreira de canto son dez anos e logo un ten que seguir formándose. Pero eles están entregados ao 2.000% a aprender. Temos un grupo dunhas 30 persoas, con algunhas caras novas e tamén xente que xa estivo no coro, e que agora retomou a actividade.

Impón dirixir un coro con tanto arraigo no pobo e na familia?

O coro participa de forma importante na actividade cultural do pobo e da igrexa, e sempre pensei que estar ao fronte, íame poñer nerviosa. Pero non, aínda que si teño esas bolboretas no estómago antes de cada actuación que che fan que as cousas saian ben. Do meu pai aprendín moito, foron moitos anos dirixindo o coro e, inconscientemente, hoxe fago moitos xestos parecidos. 

Haberá cambios no repertorio?

De momento non me plantexo grandes metas. Si que me gustaría recuperar para o repertorio obras con certa dificultade como Primavera de San Campio ou Os Reis.