Pequenos “enganchados" ao teatro

teatro_celanova_result
photo_camera O grupo de pequenos actores pousan no Auditorio Ilduara co profesor, Jouse García.

O grupo de teatro municipal de Celanova case duplicou este ano o número de pequenos actores. Son 14 os nenos que o compoñen e onte amosaron no auditorio Ilduara as dotes interpretativas adquiridas durante o curso

Para Jouse García, actor e profesor de teatro, un bo intérprete componse a partes iguais de talento e traballo. Para el hai unha parte innata, pensa que un actor, en parte, nace. Pero, por moito que alguén chegue a este mundo con certas dotes interpretativas, nunca poderá chegar a dar o mellor de si se non se esforza en tratar de sacalo fóra. E niso leva traballando os últimos cinco anos no obradoiro de teatro de Celanova. Durante unha hora semanal, un grupo de nenos da vila xoga a converterse en mil e un personaxes no auditorio Ilduara. Con xuño chega para eles a hora de demostrar que detrás de toda esa diversión estaban aprendendo a interpretar. E neste grupo "hai xente moi boa".

O seu exame anual superárono onte con nota subindo a escena para contarlles a pais e amigos a historia dunha particular consulta pola que van pasando personaxes de contos e outra dun peculiar manicomio no que enfermos e doutores cambian os papeis. Son un total de catorce  os pequenos que hoxe forman parte do grupo de teatro. "O primeiro ano empezamos con seis nenos e a cifra mantívose en oito ou nove ata que este ano, de súpeto, tivemos 14 matriculados", conta Jouse García, sorprendido e contento polo bo camiño que percorre a agrupación. 

Para el, o mellor síntoma de que o grupo funciona é que os cativos "veñen porque queren, algúns levan os cinco anos seguidos". De feito, incluso se viu obrigado a cambiar o horario das clases a petición de dous pequenos actores que non querían sacrificar o teatro ó coincidirlle cos adestramentos de fútbol. 

Eles non o dubidan, o mellor son "os personaxes", o feito de poder converterse en calquera só co límite da imaxinación. Así é para Aitor, un dos veteranos do grupo. Para Fran, sen embargo, o mellor é "o moito que rimos", confesando que teñen que facer esforzos para que esa risa non lles entre no medio da actuación. En calquera caso, para ningún supón unha dificultade, pois "repetimos todo tanto que acaba quedándoche na cabeza". 

Dous grupos nos colexios

Quizais o segredo do amor polo teatro en Celanova radique precisamente na repetición. Jouse García ten moi claro que "engancha" e os nenos así o confirman respondendo un unánime e sonoro "Si!" ó preguntarlle se lles gusta ir ao teatro.

Pero a afición é moito maior e, sobre todo, non é nova. Camila Álvarez leva preto de tres décadas na agrupación Solpor e case dez anos impartindo clases de teatro nos dous colexios da vila. Tanto no Sagrado Corazón como no Curros Enríquez conta con grupos numerosos de máis de 20 pequenos en cada un. Ó seu entender, todos aqueles que participan nesta actividade fano de xeito totalmente voluntario e, de feito, "cando veñen porque os mandan os pais non aguantan moito tempo". 

Dese medio cento de alumnos que acoden ás aulas de interpretación como actividade extraescolar, 15 compoñen o grupo infantil do Solpor. O vindeiro 22 de xullo achegaranse ó Amic coa obra "O elixir", na que a banda de música xuvenil interpretará música en directo. 

Te puede interesar