REBULIR

Ramirás disfrutou ao compás do son e a danza tradicional

<p></p>
photo_camera A gala central do Festival Internacional Rebulir encheu de sons e cor o polideportivo de O Picouto.

Centos de persoas  presenciaron no Picouto a gala central do Festival Internacional Rebulir

Os pés movíanse sós onte pola tarde en Ramirás. O polideportivo de O Picouto converteuse nun escenario multicultural onde os sons e danzas galegas se intercalaron cos bailes típicos vascos, de Castela e León, Ecuador, Portugal e Ucraína nunha gala que volveu congregar a centos de persoas chegadas desde diferentes puntos da comunidade e unha nutrida representación institucional.

Josinho dá Teixeira e Bieito Lobariñas, os Regueifeiros, foron os encargados de presentar o evento que arrancou coa entrega dos premios "Rebulir 2017" a Xosé Ramón Gayoso, Uxía Senlle e Lois Antón pola súa labor en prol da cultura galega. O comunicador non puido acudir a gala por motivos profesionais, pero enviou un vídeo no que animou a "non parar nunca de facer o que nos representa". Uxía, que recibíu o premio de mans de Anxo Lorenzo, subliñou que "indo por eses mundos, non sabemos aínda ben a riqueza que é cantar a nosa música e usar esa arma tan poderosa, a pandeireta". Pola súa banda, o poeta local Lois Antón preparou uns versos para o acto, especialmente para os nenos que participan na iniciativa.

Os sons da gaita galega foron os que serviron para dar comezo á exhibición de coreografías e música da man dos grupos Maragatería (Castela e León), Pauliteiros de Sendim (Portugal), Gaztedi Dantzari Taldea (Euskadi), Ballet Quitus (Ecuador) e o Ballet Chervona Kalyna (Ucrania), ademais dos anfitrións de Rebulir, conquistando ao público citado no pavillón, reconvertido onte nun auditorio internacional.

Rematada a gala, foron moitos os asistentes que a partir da medianoite compartiron unha "jam sesion" intercultural na cafetería América da vila de San Rosendo.

Animación de rúa

A programación organizada pola Asociación Cultural Rebulir, que arrincou o xoves en Ourense, incluíu onte unha mañá de troula coa animación polas rúas de Celanova. Pola tarde, ademáis de visitar a exposición "As imaxes do alén", veciños e visitantes puideron gozar dun ágape gastronómico internacional. A décimo segunda edición do "Festival Internacional Rebulir" de Ramirás despedirase hoxe domingo coa animación de Gaztedi Dantzari Taldea a partires das 12,30 horas pola feira de Vilavidal.

Te puede interesar