CELEBRACIÓN

Vilanova recupera o seu esplendor con Raigame

O burgo medieval celanovés acollerá música, artesanía e gastronomía

O burgo medieval durante unha edición anterior.
O burgo medieval durante unha edición anterior.
Vilanova recupera o seu esplendor con Raigame

Todo esta listo en Vilanova dos Infantes para revivir hoxe as antigas romarías galegas con motivo da festividade das Letras Galegas. Música, artesanía e gastronomía son o prato forte dunha celebración na que se involucran a práctica totalidade dos veciños do burgo medieval, así como da veciña Celanova, cuxos bares e negocios abrirán hoxe de forma excepcional unha sucursal nas  pétreas rúas e prazas erixidas ao redor da Torre da Homenaxe.

Os fotógrafos do século pasado, aqueles que con rudimentarias cámaras retrataron a sociedade galega en feiras e romarías son os homenaxeados da xornada e, na súa honra, haberá exposicións, simposios e mesmo divertidos photocalls cos que poder retratarse. O cinema tamén terá un protagonismo especial coa proxección de documentais antropolóxicos e etnográficos.

Unha decena de agrupacións musicais ambientarán durante todo o día as rúas do burgo medieval, en cuxos locais e soportais poderase visitar unha ampla representación dos oficios artesanais, así como gozar da boa e variada gastronomía local con produtos da terra e o mar. 

Como en toda boa romaría galega que se prece, non faltará a celebración litúrxica ao mediodía amenizada pola coral "De  Ruada" e a tradicional danza gremial  do Cristal.


Premio Adolfo Enríquez


María Vitoria Moreno, a homenaxeada deste ano, tamén estará presente en Vilanova con "Isto non é unha Caixa!" de Sarabela Teatro. Mentres que, ás 13,30 horas na Praza Maior, farase entrega do premio honorífico "Adolfo Enríquez" ao Museo Etnolóxico de Ribadavia. Para os nostálxicos, a organización composta polo Concello celanovés, a Deputación e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, recuperará o servizo de liña cun autobús de época gratuito que, cada media hora, unirá Celanova e Vilanova.