O actor Alfredo Padilla estrea en Santiago unha versión actualizada de 'Hamlet' en galego

A compañía Ainternacional estreará esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela a súa última produción, unha versión actual do clásico de Shakespeare 'Hamlet', dirixida por Jorge Rey e protagonizada por Alfredo Padilla, actor especializado no teatro shakesperiano pola Royal Academy of Dramatic Art de Londres.
Este proxecto, que, ademais de para a compañía, é tamén 'moi persoal do propio actor', aborda a Hamlet 'dende o actor que o vai representar', cun longo monólogo e unha escenografía na que só teñen presenza unha mesa e unha tarima.

Así, o intérprete arxentino afincado en Galicia explora en solitario sobre o escenario as posibilidades do texto de Hamlet, traducido ao galego dende a versión orixinal en inglés antigo por Alfredo Conde, aínda que 'desconstruído', dado que a montaxe 'empeza polo final da obra'.

A pesar da 'modernización' dalgúns dos seus aspectos, esta versión de Hamlet permanece 'fiel á orixinal', co tratamento de temáticas como a traizón, a vinganza e a corrupción moral dentro da trama creada por Shakespeare.

Alfredo Padilla especializouse en teatro pola Royal Academy of Dramatic Art de Londres, centro que dende hai máis de cen anos é a academia de formación actoral en Shakespeare por excelencia e onde estudaron figuras tan célebres como John Gielgud ou Anthony Hopkins.

As entradas para asistir ás dúas representacións de Hamlet que acollerá o salón teatro -os días 5 e 6- poranse á venda no despacho de billetes dúas horas antes de comezo da sesión e tamén poderán adquirirse por Internet en www.caixagalicia.es. Despois do seu paso por Compostela, a obra prevé participar en festivais e mostras noutros lugares fóra de Galicia e en iniciativas en colexios.

Te puede interesar