O catedrático Norbert Bilbeny advirte da necesidade de 'repensar' o proxecto europeo para evitar un 'cataclismo'

O catedrático de Ética da Universidade de Barcelona e decano da súa Facultade de Filosofía, Norbert Bilbeny, asegurou, na súa intervención na terceira xornada da XXIX Semana Galega de Filosofía, que 'se o proxecto europeo non se repensa dende un punto de vista solidario, as predicións pasan por un cataclismo económico'.
Bilbeny, que disertou sobre o desafío cosmopolita dunha Europa en crise, defendeu a súa aposta persoal polo cosmopolitismo, 'unha actitude fronte a un nacionalismo que bebe dunha dimensión ideolóxica', dixo.

Esta posición pode liberarnos do risco que Bilbeny observa nuns discursos políticos que, fronte á crise, 'arengan por un patriotismo político'. Este, segundo proclamou, 'xera unha lealdade cega aos gobernos'.

Neste sentido, para o filósofo estase a dar un 'nacionalismo de Estado extremo', que se lexitima a si mesmo a partir da intervención de poderes externos'.

Bilbeny chamou 'non polos rescates', senón 'por unha redistribución da riqueza'. Consciente -dixo- de que esta realidade está 'lonxe dunha Unión Europea que só ten unha base común económica, pero non social'.

Finalmente o catedrático de Ética lamentou a situación actual de Europa na que 'os países ricos premen os países pobres', e que está integrada nun contexto internacional 'que se pasou dunha economía produtiva a unha economía de casino'.

'CONTEXTO RECENTRALIZADOR'

Pola súa parte, Antón Baamonde, recoñecido pensador galego e galleguista, expuxo a situación actual que vive Galicia 'no contexto dun movemento recentralizador español'.

'A perda demográfica, a ausencia de política industrial, o desmantelamento económico e, en definitiva, unha descomposición da identidade cultural e social galega conducen nun futuro moi próximo a Galicia á asimilación dunha posición radicalmente periférica, de novo,', argumentou.

Te puede interesar