Unha exposición recolle a obra 'intemporal e imperecedoira' de Cunqueiro

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, dixo hoxe que Galicia 'seguirá viaxando durante moitos anos' na prosa e nos versos de Álvaro Cunqueiro, 'porque a súa obra, como ocorre sempre cos autores orixinais e xeniais, é universal, intemporal e imperecedoira'.
Varela participou na presentación da exposición 'No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro 1911-2011', que se inaugura nesta tarde na Casa da Parra de Santiago coa presenza dun fillo do homenaxeado.

O responsábel de Cultura da Xunta declarou que a mostra ofrece a oportunidade de pasear polo singular mundo que Cunqueiro creou e profundar nas raíces de Galicia a través das lentes do escritor de Mondoñedo.

'Neste Ano Cunqueiro en que estamos inmersos esta exposición é a mellor forma de festexar a perenne vixencia e modernidade dun dos mellores escritores das nosas letras', concluíu Varela.

A mostra, que será itinerante, iniciou a súa andaina no pasado 15 de abril no auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo e agora chega a Compostela. Tamén poderá ser visitada en Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra e Ferrol, para acabar o seu percorrido en Vigo, na sede da Fundación Penzol.

O director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, e comisario da exposición xunto a María García Liñeira, lembrou a Cunqueiro como un dos autores máis universais de Galicia con Rosalía de Castro e con Valle Inclán, xa que a súa obra foi traducida a numerosas linguas en todo o mundo.

Tamén o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, tivo palabras de recordo para Cunqueiro, que iniciou no ano 1927 a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago aínda que non chegou a terminala, e á súa condición como poeta e de gran fabulador.

A exposición está composta por 16 paneis de textos informativos e imaxes en que se fai un percorrido pola vida e obra do escritor, en que se describe o universo cunqueriano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exposición de materiais de gran valor tanto emocional como patrimonial.

Tamén hai un espazo audiovisual en que se reproducen en vídeo diferentes documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais.

En oito vitrinas preséntase unha selección bibliográfica da súa obra galega e castelá, ademais de traducións a diferentes linguas estranxeiras, unha pequena compilación dos seus artigos de prensa e unha antoloxía sobre as distintas etapas da súa traxectoria como xornalista.

Tamén se exhiben unha figura do seu personaxe de Merlín, galardóns, diplomas e os seus carnés de identidade e de xornalista, postais, correspondencia recibida dos seus amigos, axendas privadas, medallas ou condecoracións.

Os visitantes terán oportunidade de obter un catálogo da exposición e 16 poemas do autor mindoniense.

Te puede interesar