Corbacho convértese no líder do Río Natura Monbus

O aleiro do Río Natura Monbus Alberto Corbacho converteuse no líder do equipo tras as numerosas baixas cunha actuación histórica para el.

O triplista mallorquino conseguiu esta fin de semana ser o xogador da xornada, por primeira vez na súa carreira, con 31 de valoración, un punto de marxe sobre o segundo, Tariq Kirksay.

A súa actuación no campo do Herbalife Gran Canaria, onde o seu equipo sumou a súa sexta vitoria consecutiva, chegou con vinte e seis puntos -a mellor marca da fin de semana- grazas a 1/2 en tiros de dous, 7/11 en triplos e 3/3 en tiros libres.

Os sete lanzamentos anotados desde máis alá de 6,75 metros igualan a marca do equipo, que a tiña el, e a súa mellor marca persoal na competición, que lograra había apenas un par de meses.

Ás súas cifras sumou catro rebotes en defensa, tres asistencias, un roubo e unha perda, dous tapóns, dúas faltas cometidas e tres recibidas ademais dun catro na estatística de +/- en case trinta minutos.

Estes grandes números levárono a converterse no líder do conxunto compostelán coas ausencias do pivote Mike Muscala, traspasado, do tamén interior Oriol Junyent, lesionado, e do base Iñaki Sanz, con problemas físicos.

No mellor quinteto da fin de semana ocupa precisamente a posición denominada "Liderado" e comparte equipo con Dwane Davis, do UCAM Murcia; Javi Salgado, do Gipuzkoa Basket; Tariq Kirqsay, do Joventut; e Felipe Reyes, do Real Madrid.

Un compañeiro seu, Pavel Pumprla, que tamén ocupa a posición de aleiro liderou a liga en rebotes, con doce capturados durante os vinte e seis minutos que estivo en pista, nove en defensa e tres en ataque.

Te puede interesar