Son moitos o galegos que teñen decidido retornar a Galicia nos últimos anos. Por iso a Secretaría Xeral da Emigración ven traballando constantemente no seu apoio. Os galegos retornados que procuran empezar unha nova vida na comunidade gallega teñen ó seu dispor unha serie de liñas de apoio que se ven reforzadas cunhas axudas extraordinarias ao retorno que conta cun crédito orzamentario de case 1,7 millóns de euros e que ten como obxectivo axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do regreso a Galicia.
As axudas destínanse a gastos da unidade familiar derivados do retorno, cun especial apoio de ata 1.500 euros por fillo.
Este ano, estas axudas contan cunha novidade, o apoio á vivenda. Tal e como asegura o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “co obxectivo de facilitar o establecemento dos galegos retornados na comunidade autónoma, tendo en conta as dificultades no acceso á vivenda, establécese unha axuda de 500 euros por unidade familiar destinadas a facer fronte aos gastos derivados das primeiras xestións necesarias para facilitar o acceso a unha vivenda”.
Requisitos
Os beneficiarios serían as persoas que residindo fóra de España con nacionalidade española se establezan en Galicia, tanto os nados na propia comunidade autónoma como os seus cónxuxes ou descendentes. A maiores, deben contar tamén co empadroamento en Galicia e ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno. A data de retorno debe ser a partir do 1 de xaneiro de 2020.
As axudas dependerán das circunstancias sociais e do número de persoas que conformen a unidade familiar, tendo en conta que por cada fillo menor de 18 anos poderían recibir ata 1.500 euros, e que tamén se valora o feito de que se resida nun concello rural, incrementándose a axuda por cada fillo neste caso nun 25%. En total, a contía non poderá exceder, como máximo, dos 6.000 euros por unidade familiar.
O prazo de presentación é ata o próximo 30 de setembro inclusive. Os interesados poden informarse a través do DOG, da páxina web de GaliciaAberta e das oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno situadas nas principais cidades de Galicia.
Dende a posta en marcha da Estratexia Retorna, destináronse 6,8 millones de euros a esta liña de axudas beneficiándose un total de 3.342 familias. O 35% destas familias contaban con menores de idade.
Oficina de asesoramento
Dende o comezo do se funcionamento as oficinas integrais asesoraron a un total de 8.153 familias.
Os galegos retornados poden asesorarse de todo o relativo á tramitación de axudas, axilización de documentación e apoio socioeconómico nas cinco oficinas integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno que existen nas catro provincias galegas: en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.
Estas oficinas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal técnico, xurídico e social especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos do exterior cara a favorecer o retorno, así como de acompañar aos galegos retornados e aos seus familiares. Tamén explican tódolos programas da Secretaría Xeral da Emigración dirixidos á diáspora, así como comunican os temas relacionados con educación, formación, laboral e social, e mesmo, no caso dos familiares con outra nacionalidade, tamén asesoran no eido da estranxeiría, ofrecendo apoio continuo, tanto presencial coma telemático.
Dende o comezo do seu funcionamento, como parte da Estratexia Galicia Retorna, as oficinas integrais asesoraron a un total de 8.153 familias, interesadas en coñecer as liñas de apoio coas que a Xunta de Galicia conta para axudarlles a consolidar o seu regreso, así como os canais existentes para homologar estudos, facilitar a tramitación da documentación persoal e a presentación de solicitudes de subvencións e prestacións. Así, en total, realizáronse 29.286 consultas, relacionadas con temas educativos (escolarización de menores, formación regrada, formación para o emprego, homologación de estudos...); sociais como asistencia sanitaria, autorizacións de residencia, axudas económicas, prestacións ou vivenda; ou laborais como información acerca do emprego por conta allea ou axudas ao autoemprego.