VALOR NOMINAL

A creación de emprego de calidade é clave na competitividade empresarial

Impulsar a calidade e a estabilidade do emprego en Galicia é o obxectivo estratéxico da Axenda 20 para o Emprego, que conta cun orzamento de 900 millóns de euros -180 millóns anuais- ata 2020.

Esta axenda autonómica dá os seus primeiros pasos nun momento no que a economía galega se encontra nunha etapa de crecemento, o que favorece que Galicia teña un mellor comportamento que outras comunidades de España. 

A activación da Axenda 20 para o Emprego marca as liñas mestras a seguir durante os próximos cinco anos, de acordo cos obxectivos tamén fixados no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020: reducir a taxa de desemprego ata o 10%, crear 100.000 novos empregos e asinar 50.000 novos contratos indefinidos, entre outros.

Principais retos

Deseñada co obxecto de servir de punto de partida para o debate e o consenso cos interlocutores sociais, a Axenda ten como primeiro gran reto conseguir a creación de postos de traballo de calidade en Galicia. Para acadar este obxectivo, nesta liña incidirá o programa Aprol, que incentivará a contratación e fomentará o autoemprego nos colectivos que teñen máis dificultades para acceder a un traballo, como as mulleres, os parados de longa duración, as persoas con discapacidade e a mocidade.

Precisamente a Consellería de Economía, Emprego e Industria conta con apoios por máis de 18 millóns de euros neste 2016, nos que xa se activaron máis de 14, para apoiar aos menores de 30 anos, con axudas para os xoves autónomos, o impulso a novos obradoiros de emprego, ou o reforzo aos incentivos á contratación.Dentro desta folla de ruta da Consellería de Economía, Emprego e Industria, outra das novidades será a activación de Lanzadeiras de Emprego para impulsar a busca de traballo e promover o emprendemento e o autoemprego a través da Administración Local, entidades sen ánimo de lucro e empresas privadas.

Para superar o segundo gran reto, o de mellorar a formación dos traballadores, a Axenda 20 para o Emprego conta con catro medidas estratéxicas: crear Unidades de Formación na Empresa para impulsar dentro do tecido empresarial a especialización e capacitación con compromiso de contratación; aprobar un programa de formación e emprego no rural atendendo ás súas necesidades específicas; profundar nun modelo de formación que responda ás necesidades do mercado, unha liña na que a Xunta está xa a avanzar mediante a FP Dual; ou lanzar o Cheque Formación para que as persoas desempregadas teñan máis liberdade de elección á hora de escoller accións formativas concretas para mellorar a súa empregabilidade. 

Así mesmo, activarase un programa con accións formativas no rural atendendo as súas necesidades específicas e impulsando o emprego nas zonas interiores de Galicia. De feito, a aparición de novas ocupacións e a transformación doutras supoñen un desafío de adaptación das competencias e prácticas das persoas que procuran un emprego. Por este motivo, é importante actualizar a formación para o emprego, anticipando novas tendencias nos sectores estratéxicos e prover as accións de capacitación e especialización que requiren ás persoas demandantes de emprego.

A Axenda 20 para o Emprego conta cun enfoque social, pois busca reorientar os servizos de atención ás persoas que demandan emprego. Neste senso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria creará un novo portal do Servizo Público de Emprego de Galicia para implantar, a través deste mecanismo, un sistema de xestión de calidade. O Goberno galego quere poñer en marcha un novo modelo de orientación no que se combinen tanto accións presenciais como online, o que directamente favorecerá a atención dos usuarios.

O documento tamén proxecta relacións laborais máis sólidas para favorecer a igualdade e conciliación laboral e familiar. Neste último senso, a Axenda 20 para o Emprego reforza os incentivos ás pemes para implantar medidas centradas nestes ámbitos e na Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e flexibilidade laboral.  

Rolda de contactos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria puxo en marcha nas últimas semanas unha rolda de contactos na que están a participar os diferentes axentes sociais e económicos de Galicia. 

Deste xeito, poden coñecer de primeira man a Axenda 20  para o Emprego. Isto permite non só escoitar as súas achegas, senón que tamén favorece a participación de todos neste esforzo autonómico por impulsar un emprego de calidade e unha mellora na formación laboral. 

O Goberno galego tamén está a informar aos representantes laborais e económicos doutra serie de medidas que recolle o proxecto, como a activación dun Plan de Avaliación de Políticas Públicas de Formación para o Emprego en todas as súas modalidades, coa participación dos axentes sociais. Este proxecto incluído na estratexia aposta polo desenvolvemento dun rexistro de centros de formación, flexible, áxil e accesible e o establecemento de novas medidas de control da execución da formación. 

Te puede interesar