INDUSTRIA

As empresas galegas apostan polo asesoramento especializado na xestión

Reforzar a capacidade competitiva das pemes galegas e a integración das tecnoloxías da fábrica intelixente sobre a que pivota a Industria 4.0 é o obxectivo dos programas ReAcciona, ReAcciona TIC, e as bolsas ReAcciona.  

A terceira edición do ReAcciona, dotado con 5,4 millóns de euros, permitirá que 600 pemes da comunidade se beneficien de 1.000 proxectos de mellora en determinados ámbitos de xestión, como o financeiro, de produción, comercial, ou estratéxico. O obxectivo fundamental do programa é apoiar ás pequenas e medianas empresas galegas na profesionalización dos seus equipos directivos e de xestión, para fortalecerse como paso previo ao seu crecemento ou internacionalización. 
Durante o desenvolvemento das dúas primeiras edicións participaron no programa ReAcciona 622 pemes e autónomos que executaron 1.035 proxectos de mellora, sumando investimentos próximos aos 5 millóns de euros. No que se refire ao perfil das empresas beneficiarias, predominan as industrias manufactureiras e o comercio, seguidos polas empresas dedicadas ás tecnoloxías dedicadas ao sector TIC. 

A satisfacción das compañías que participaron no programa ata o de agora é maioritario: o 77% das empresas participantes no ReAcciona agardan mellorar a xestión do seu negocio grazas aos servizos que se lles prestaron, e o 98% das delas recomendaríano a outras empresas. 

Entre as empresas apoiadas atópanse Alfico, de Redondela, unha das empresas con máis tradición do mercado de distribución de material deportivo. Foi fundada en 1975 e, actualmente, distribúe en exclusiva para toda España, Portugal e Andorra as marcas New Balance, Warrior e SofSole. A súa participación no ReAcciona serviulle para formalizar, concienciar e involucrar a toda a organización na necesidade do cambio organizativo para a mellora de procesos, para a definición de tarefas e responsabilidades e para identificar áreas de mellora.

Outra das participantes é Kaleido, Ideas & Logistics, un grupo multinacional de orixe viguesa que desenvolve a súa actividade no ámbito da loxística a nivel internacional, prestando servizos “door to door” que engloban todos os aspectos da loxística, desde o fretamento, operacións portuarias, almacenaxe, forwarding, servizos consignatarios, seguros ou aduanas.

A través do ReAcciona, desenvolveron un business plan detallado co obxectivo de que se converta na súa folla de ruta de cara á comercialización dos seus produtos e capacidades de I+D. Froito deste business plan desenvólvense diversos formatos como os A3 de despregamento de plans de acción, onde se detallan accións concretas a realizar para alcanzar os obxectivos establecidos, definindo fitos e responsables, así como obxectivos.

Asesoramento cara á fábrica intelixente
Mantendo o espírito do programa ReAcciona e para avanzar no desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, este ano o Igape e a Amtega poñen en marcha o ReAcciona TIC, que posibilitará con 2,4 millóns de euros facilitar a implantación de proxectos de mellora da competitividade en ámbitos da Industria 4.0 e da empresa dixital, mediante unha introdución efectiva das TIC na empresa. Os preto de 500 proxectos de mellora previstos, correspondentes a unhas 300 empresas, estarán dispoñibles a partir do segundo semestre de 2016 e serán prestados ás pemes por axentes colaboradores especializados.

 Estes apoios inclúen o diágnóstico sobre a implantación de solucións dixitais e de Industria 4.0, elaborando unha folla de ruta para que as pemes implanten tecnoloxías como cloud ou Big Data; o acompañamento na posta en marcha de solucións tanto organizativas como tecnolóxicas; a xeración de modelos e simulación industrial en 3D para comprobar o comportamento de novos materiais ou pezas a partir de modelos matemático-informáticos; o soporte para a adopción de solucións de mobilidade; ou o apoio á posta en marcha de estratexias de marketing dixital.

Concurso de ideas e captación de investimentos
 O ReAcciona TIC súmase a varias iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para a implantación da  fábrica intelixente dentro da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, como o Concurso de Ideas, que apoiará con 4 millóns de euros catro proxectos para desenvolver tecnoloxías demostradoras da fábrica intelixente. 
Tamén está activa a Iniciativa de Captación de Investimentos 4.0, que busca atraer proxectos de máis de 50 millóns no eido da fábrica intelixente, para os que a Xunta pode comprometer apoios de ata o 40% do investimento total. 

Do mesmo xeito, o convenio Naval 4.0 estase a desenvolver xunto ao sector en torno ao CIS Galicia para impulsar as tecnoloxías da fábrica intelixente nos estaleiros e a industria auxiliar; e varias das Unidades Mixtas de Investigación, que están a impulsar a nova industria en eidos como o sector conserveiro.
 

Xunto a os programas ReAcciona e o ReAcciona TIC, atópase a inminente convocatoria dunha nova edición das bolsas ReAcciona, que suma este ano un orzamento de 1,2 millóns de euros para a contratación de 100 mozos e mozas recén titulados, que apoiarán ás empresas ao longo da duración do ReAcciona, gañando experiencia profesional e abrindo unha fiestra ao mercado laboral. Durante as anteriores edicións destas bolsas, que beneficiaron ata o de agora a 200 bolseiros, o 54,14% dos participantes que remataron a súa bolsa conseguiron a inserción laboral de inmediato.

Te puede interesar