AVE

Besteiro esíxelle a Feijóo que explique a suspensión da intermodal en Lugo

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, considera que a Xunta de Galicia ten que "dar explicacións" e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, aclarar se o Goberno galego "estaba ou non informado da rescisión do contrato" para redactar o proxecto da estación intermodal.

Gómez Besteiro fixo estas declaracións nunha rolda de prensa, despois de manter unha reunión cos portavoces dos tres grupos políticos con representación na institución provincial -PSdeG, PPdeG e BNG- para sacar adiante unha "declaración institucional" conxunta en contra da paralización dese proxecto, considerada "chave" para a chegada do tren de alta velocidade.

Segundo Gómez Besteiro, mañá, antes do pleno da institución provincial, haberá unha nova reunión de portavoces para intentar consensuar unha declaración que sexa "firme, clara e esixente" á hora de esixir que se cumpra o compromiso asinado no ano 2010 polo Concello de Lugo, o Adif, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento.

"O paso inicial é procurar esa declaración institucional", dixo Gómez Besteiro, porque "o que pretende a Deputación é que ese proxecto se retome", xa que "a provincia de Lugo non pode quedar fóra do desenvolvemento do AVE en Galicia".

Durante a súa intervención, tamén lamentou que o Ministerio de Fomento non informase as institucións de Lugo de que se suspendera o contrato para redactar ese proxecto, porque a propia "ministra estivo hai catro meses" na cidade e "non advertiu" ninguén desa circunstancia.

Nese sentido, o presidente da Deputación dixo que Núñez Feijóo tamén terá que aclarar "se continúa en pé o seu compromiso", porque no seu día dixo que se o Goberno non executaba esa conexión de Lugo coa rede de alta velocidade, sería a Xunta de Galicia a que asumiría a construción desa infraestrutura.

Te puede interesar