A DGT inicia unha campaña especial de vixilancia do transporte escolar

Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil comprobarán que tanto autobuses como condutores cumpran coa normativa establecida na materia vial

A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) porá en marcha dende este luns e ata o próximo venres 4 de decembro unha campaña especial de vixilancia e control do transporte escolar.

Nela, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil comprobarán que tanto autobuses como condutores cumpran coa normativa establecida na materia, que inclúe, entre outras obrigas, a necesidade de que os menores vaian acompañados por unha persoa "debidamente cualificada" nos desprazamentos.

Segundo precisou a Delegación do Goberno en Galicia nun comunicado, esta campaña ten unha "especial transcendencia" en Galicia debido á grande extensión de rutas de transporte escolar existentes na Comunidade. Para reforzar o seu seguimento, están invitados e participar na devandita campaña os concellos que dispoñen de Policía local.

Aínda que a vixilancia por parte da Agrupación de Tráfico da Garda Civil é permanente, nos próximos días intensificaranse os controis preventivos, especialmente en estradas convencionais e en vías urbanas.

O obxectivo é concienciar pais, responsables educativos e condutores de autobuses da necesidade de cumprir as normas establecidas con respecto a este tipo de transporte.

Realizaranse controis de carácter administrativo sobre as autorizacións e documentos que deben ter os devanditos vehículos para a correcta prestación do servizo.

ELEMENTOS DE SEGURIDADE DO VEHÍCULO

Tamén se verificará que as condicións técnicas e elementos de seguridade do vehículo son os que esixe a normativa, así como os requisitos especiais que debe cumprir o propio condutor, como son o permiso de condución e os tempos de descanso.

Entre as condicións de seguridade que deben cumprir todos os transportes escolares, estipúlase a antigüidade máxima dos vehículos destinados a este tipo de pasaxeiros, ao seguro de responsabilidade civil ilimitado ou a obrigatoriedade de levar o sinal de transporte escolar.

De acordo coas estatísticas da DGT, o 90 por cento dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, ou xusto nos instantes inmediatos. En moitos casos, trátase de atropelos causados por unha distracción do menor, do condutor do transporte escolar ou dos acompañantes.

RESULTADO DA CAMPAÑA ANTERIOR

Na campaña equivalente de control de transporte escolar realizada o ano pasado entre o 24 e o 30 de novembro, controláronse 414 vehículos deste tipo, chegando a formular 153 denuncias, na súa maioría de tipo documental ou administrativo

Te puede interesar