ANGROIS

A dignidade preside a sentida homenaxe aos 80 falecidos catro anos despois da traxedia

636365276556449335w
photo_camera Un tren pasa a la misma hora donde hace cuatro años fallecieron 81 personas, en la curva de Angrois, donde esta tarde familiares y víctimas del accidente del Alvia, rindieron un homenaje a los fallecidos

Oitenta globos vermellos colorean o ceo de Santiago en recordo das vítimas, tamén honradas como cada ano cunha ofrenda floral.

As referencias á dignidade marcaron a homenaxe aos 80 falecidos no acto que se celebrou catro anos despois da traxedia xunto á curva da Grandeira, no barrio compostelán de Angrois, no cuarto aniversario do accidente do tren Alvia.

Vítimas e familiares volveron este luns ao antigo `campo da festa` desta zona de Santiago, onde o descarrilamento dun convoi provocou 80 mortes e deixou feridas a 144 persoas o 24 de xullo de 2013, na véspera do Día de Galicia.

Unha vez máis, a plataforma de afectados lembrou aos que xa non están nun sentido acto que concluíu ao redor das 20,40 horas, momento no que se produciu o sinistro ferroviario máis grave da democracia española.

Previamente celebrouse unha misa na Colexiata de Sar e, pola mañá, unha manifestación reivindicativa para reclamar "verdade, xustiza e reparación" percorreu as rúas compostelás.

HOMENAXE

A homenaxe máis emotiva deu comezo sobre as 19,00 horas na ponte de Angrois, sobre as vías da liña que conecta Ourense coa capital galega.

Aí volveu a estar presente a pancarta da asociación, esixindo unha comisión de investigación para depurar responsabilidades políticas polo sucedido.

Xa na chaira sobre a que caeu un dos vagóns fai catro anos, o acto iniciouse co `Imaxine` de John Lennon e as palabras do representante dos veciños de Angrois, Anxo Puga, quen clamou por "que se saiba a verdade" e animou ás vítimas a "seguir" loitando por iso.

O escritos Juan Besada dedicou unhas palabras tamén ao "traballo" dos afectados "por manter a dignidade", e subliñou: "Aos nosos, debémosllo".

A continuación, Carlos Vázquez Padín, responsable de Converxencia XXI cuxa nai perdeu a vida no accidente, agradeceu a "dignidade e grandeza" dos veciños polo feito aquel día e tamén polos posteriores. Ao "dream team" da plataforma de vítimas, polo seu labor, atribuíulle "valentía, intelixencia e resistencia" na súa batalla contra o Estado.

"Máis pronto que tarde, triunfaremos e obteremos verdade e xustiza", augurou, antes de valorar que "toda Galicia lle debe agradecemento" a esta asociación polo seu empeño en que se depuren responsabilidades co obxectivo de que un sinistro como o do Alvia non volva ocorrer.

Xa coa interpretación do `Hallelujah` de fondo, procedeuse á solta de 81 globos vermellos con forma de corazón -as vítimas contabilizan un morto máis que o xulgado-.

Estes globos colorearon o ceo santiagués nunha tarde de sol e nubes e foi nese momento cando varios nenos, como cada ano, realizaron a ofrenda floral de 82 rosas brancas -una máis, por un neno que non chegou a nacer- no `cruceiro` instaurado tras a traxedia, algo antes de que pasase o tren que fai catro anos non chegou á estación.

Te puede interesar