Entidades sociais piden axudas e incentivos para contratar os desempregados de sectores desfavorecidos

A rede atendeu 20.410 persoas e formou 8.118 persoas en 11 anos, nos que se conseguiron 7.828 empregos e se xestionaron 27 millóns
Axudas e incentivos á contratación de persoas desempregadas de colectivos desfavorecidos. É unha das peticións que recollen as conclusións das xornada '11 anos polo acceso ao emprego das persoas en situación de desvantaxe. A actuación das entidades sociais na loita contra a discriminación', organizada por Cáritas Diocesana, Cruz Vermella Española Galicia, Fundación Secretariado Xitano Galicia e Fundación ONCE.

Tamén esta rede, que na clausura desta xornada contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pide actuacións que permitan cumprir a 'obriga legal de contratación da porcentaxe de persoas con minusvalidez', así como desenvolver outras iniciativas 'que favorezan a inserción social de colectivos en risco de exclusión'.

Neste punto, tamén defende a necesidade de garantir o desenvolvemento dunha formación profesional adaptada e accesible ás persoas máis vulnerables, en colaboración coas empresas, o sector público, os axentes sociais e todas as entidades sociais.

Así mesmo, as entidades reclaman as medidas oportunas para 'potenciar o emprego protexido', si como medidas ou estímulos ao empresariado para a contratación de persoas en procesos de inserción, se ben apuntan que 'o fin último' destas entidades é a da inclusión dos colectivos en mercados normalizados.

En definitiva, explican, a petición das entidades é lograr unha 'estreita relación entre políticas sociais e políticas de emprego', tendo en conta 'as achegas e experiencias que as entidades sociais poden achegar a este proxecto'.

MÁIS DE 20.400 PERSOAS ATENDIDAS

Durante os 11 anos nos que traballou esta rede, foron atendidas 20.410 persoas e se formaron 8.118. En total, conseguíronse 7.828 empregos por conta allea e xestionouse un presuposto de 27.622.604 euros.

Entre as leccións aprendidas, atópase que a 'necesaria complementariedade de todas as actuacións' entre as administracións autonómica e local, o que 'evita desenvolver accións paralelas'; así como a colaboración horizontal plurirrexional como 'valor'.

Tamén é preciso actuar 'a longo prazo' cun enfoque 'estratéxico, continuado e progresivo', posto que na 'maioría dos casos os éxitos na inserción das persoas en exclusión social non son inmediatos', sinala. Ademais, as entidades conclúen que a inclusión sociolaboral implica 'interacción entre emprego e inclusión'.

Así mesmo, as entidades explican tamén que, nestes 11 anos, se observou a importancia de traballar non só coas persoas, senón tamén co tecido empresarial, para conseguir que o mercado laboral tamén sexa 'inclusivo'. Por este motivo, esta rede fixo fincapé na promoción da responsabilidade social corporativa, a economía social, as fórmulas de emprego protexido ou as cláusulas sociais.

En canto á actuación ante a crise, as entidades sociais responderon identificando novas necesidades e prioridades, con maior mobilización de recursos, reforzo da cooperación entre entidades, impulsando as actuacións de intermediación laboral e reforzando os esforzos para a mobilización da sociedade.

Te puede interesar