Un grupo de reclusos do cárcere madrileño de Alcalá-Meco iniciou hoxe o percorrido de 192 quilómetros do Camiño de Santiago, na cuarta edición do programa 'Camiño de Liberdade'.
O grupo, integrado por seis internos, tres funcionarios de prisións e 21 voluntarios, comezou esta mañá a primeira etapa do Camiño tras recibir a 'Beizón do Peregrino' na igrexa de Santiago e San Xoán Bautista de Madrid.
A iniciativa forma parte do Proxecto 'Natureza e Solidariedade' da Oficina de Voluntarios do BBVA, cuxo obxectivo é implicar os internos nun proceso de aprendizaxe activa, centrado na solidariedade con persoas necesitadas de axuda e actuacións de protección ambiental, segundo a entidade bancaria.
Acompañaron este luns os internos, no arranque da primeira etapa, representantes do BBVA e da Comunidade de Madrid, entre eles o viceconselleiro de Inmigración e Cooperación, Carlos Izquierdo, e o director xeral do Voluntariado e Cooperación ao Desenvolvemento, Javier Goizueta.
Tras percorrer esta semana os 192 quilómetros previstos, os reclusos, que só están autorizados a pasar un máximo de seis noites fóra de prisión, retomarán o último tramo do Camiño o vindeiro 3 de maio, cando camiñarán os últimos quilómetros ata a catedral de Santiago de Compostela e gañarán o xubileu.
Aínda que en anteriores edicións do programa participaron ata 25 reclusos que facían o percorrido por quendas, nesta ocasión só seis deles foron autorizados a emprender o Camiño, sinalaron fontes do BBVA.