O Valedor investigará a negativa do PP de Santiago a permitir o acceso de Leo Bassi á sala de prensa local

O BNG compostelano asegurou que o Valedor do Pobo investigará a negativa do Partido Popular de Santiago a permitir o acceso de Leo Bassi á sala de prensa da Casa do Concello, así como 'a vulneración' do dereito á información.
Nun comunicado, os nacionalistas compostelanos explicaron que o Valedor admitiu a trámite a queixa presentada polo Grupo Municipal do BNG despois de que tivese lugar 'un comportamento sen precedentes na historia democrática' do Concello de Santiago.

Segundo recordaron, o BNG tiña programado o uso da sala de prensa municipal, de acordo co establecido no gabinete de comunicación, para as 11.00 horas do 12 de abril, co fin de ofrecer unha comparecencia na que ía intervir o concelleiro do BNG Rafael Vilar e Leo Bassi. O acto non tivo lugar xa que o Goberno municipal non permitiu a entrada do 'clown' á sala de prensa da Casa do Concello.

Ante esta cuestión, o BNG pediu o Goberno que 'non obstaculice' o seu labor de oposición que, como indicou, permite 'o control e garante a pluralidade das decisións'.

Así mesmo, coincidindo co Día da Liberdade de Prensa, os nacionalistas compostelanos recordaron que 'o acceso á información' é un 'dereito fundamental' recoñecido a nivel internacional debido á natureza representativa das institucións democráticas.

Te puede interesar