GALICIA

La Xunta confía en resolver o conflicto do transporte antes do mes de agosto

"Estamos no bo camiño sendo conscientes toda Galicia de que o transporte público por estrada é fundamental no día a día", explicou Ethel Vázquez

La Xunta confía en resolver o conflicto do transporte antes do mes de agosto

A conselleira de Infrestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mostrouse confiada en que o conflito do transporte por terra, aberto tras a presentación do novo plan da Xunta para a súa reordenacion, estea resolto antes da entrada do mes de agosto, cando se fai efectiva a renuncia de varias empresas a 600 liñas e cando termina a suspensión da folga anunciada polos sindicatos.

Así se expresou nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional de España, na que enxalzou o "diálogo e as mesas de negociación" como forma de solucionar un conflito que estivo a piques de derivar nunha folga indefinida, salvada cun acordo de última hora entre patronal e sindicatos.

"O diálogo e as mesas de negociación son a solución. Vimos o pasado mércores que sindicatos e patronal fixeron un exercicio de responsabilidade no que gañamos todos", indicou Vázquez, quen cualificou o transporte público como "imprescindible", como quedou evidenciado coas "afeccións" producidas durante as xornadas de folga.

"Estamos no bo camiño sendo conscientes toda Galicia de que o transporte público por estrada é fundamental no día a día", incidiu, para pór como horizonte a entrada do mes de agosto, cando expiran os contratos de 600 liñas de autobuses e que, de non producirse un acordo total entre sindicatos e patronal, poderían volver convocarse folgas.

"Non debemos de perder de vista que se non actuamos desde a Xunta, a partir de agosto todo Ourense, gran parte de Lugo e certas zonas de Pontevedra estarían sen transporte e o que queremos todos é ter un transporte de calidade e con condicións para os traballadores", aseverou.
 

Nega beneficios a grandes empresas

Unha das principais críticas ao novo plan da Xunta durante as últimas semanas foi que as grandes empresas saen beneficiadas con respecto ás pequenas e medianas compañías.

Ethel Vázquez negou este extremo co argumento de que "o fácil" fose "licitar un contrato por provincia" en lugar de "os 41" por cada rexión galega. "Aí sería máis fácil dar máis facilidades ás grandes empresas", incidiu.

Outro dos puntos máis conflitivos é o uso de prazas baleiras nos autobuses escolares para viaxeiros regulares, algo que, segundo a conselleira, "multiplicará a mobilidade" dos veciños do rural.

Ademais, cre que os "beneficios" cos que conta o transporte escolar --como a "seguridade" ou "os acompañantes"-- "pódense estender aos veciños" de áreas non urbanas, á vez que asegurou que este modelo "funciona con gran éxito" noutras comunidades como Euskadi, Asturias e Castela e León.
 

Transporte a demanda

Precisamente nesta última rexión está implantada outra das novidades que a Xunta pretende introducir en Galicia: o transporte a demanda.

Segundo explicou Vázquez, este sistema é "máis complexo" aínda que funciona de forma "sinxela". Trataríase de que, nas rutas preestablecidas de transporte escolar durante o período non lectivo, os vehículos "sairán cando haxa unha reserva de praza".

"Non ten sentido ter autobuses de 55 prazas circulando baleiros por toda Galicia", apostilou, antes de matizar que este modelo permite adaptar o vehículo "ao número de demandantes".